«O Xograr de Outono xunta recoñecemento profesional e cariño, e iso é difícil de ter»
CARBALLO MUNICIPIO

Avelino González recollerá esta noite, logo da función de «El brote», o premio que concede o FIOT, festival de teatro carballés
19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Fin de semana importante no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, e non só polas obras que se verán, senón porque hoxe, sábado, será noite de recoñecemento. A quen? Ao Xograr de Outono 2024, o vigués, de San Andrés de Comesaña, Avelino González. Un galardón que lle será entregado logo da representación de El brote, da compañía arxentina Criolla. Falou Avelino en Radio Voz:
—Como está?
—Encantadísimo. Este é un premio que sempre me gustou. Lévoo seguindo desde o principio, lembro a primeira muller, Dorotea Bárcena; a segunda, Paula Carballeira... Sempre foi xente de admirar, e nunca pensei en que mo deran a min. Está un máis pendente das cousas do día a día, de zafar e de chegar a fin de mes [ri]. É un premio agradable, que me dá esa sensación que non me dan outros. Este é algo distinto. Xunta o recoñecemento profesional co cariño, e iso é difícil de ter.
—Elíxeno anteriores Xograres, é un recoñecemento do sector.
—E elíxeno nunha sobremesa. Un grupo humano que se xunta para comer, mirándose aos ollos, rindo, co viño e co café. Non quedan por internet ou por Zoom [ri]. Hai moi poucos premios que se outorguen nunha conversa.
—Narrador oral, actor, director, tradutor e agora xograr. Entendemos que outra responsabilidade?
—Cando mo dixeron veume a cabeza O Xestal, o ano pasado estreamos aí a obra sobre el. O Xestal é un xograr dos de antes, dos antigos. Pasa pola cabeza como era a vida da xente do seu tempo, como é hoxe a nosa, como cambiou a profesión, e como non cambiou o fundamental, que é facer cousas para emocionar e para divertir o público. O outro día fun mirar unha función do FIOT e unha muller díxome ao rematar que os desgustos veñen sós, pero que a quen fai rir hai que seguilo.

—Ten discurso preparado?
—Hei ser breve, a xente non ten culpa de que me dean a min un premio. Hai función ese día, e iso é o importante. Cando eu penso nas miñas primeiras veces indo a Carballo... Aquela recta de Rus, con aquel radar mortal de necesidade, canto diñeiro deixamos!
—Foi dos primeiros da Rúa dos Contos, un apartado que xa cumpriu 25 anos.
—Teño moita simpatía pola localidade, aí teño varias funcións das bonitas, das que lembro. Unha no Valle Inclán na que non acababamos... Outra no Colón, subido na barra, sorte que son pequeno! Desde a barra ata as luces do teito había 1,65 e eu mido 1,60. De punteiras xa pegaba croque na cabeza. As escaleiras para baixar ao Silfo, reviradas... Todo isto! Cando coñecín Carballo a xente dicíame que alí non había nada. Logo de anos sachando no patrimonio local, a cantidade de cousas que hai! Empezando por unha das industriais máis importantes do país, a conserveira Calvo. Toda a xente de Carballo de certa idade tena na boca e no corazón. Falan dos murais de Vigo... pero todo iso fíxose antes en Carballo. Cousas novas para xente nova, feita pola xente nova, iso é realmente algo moi importante.

—Como empezou, ou como acabou máis ben, no mundo da interpretación?
—Porque suspendín a selectividade. No 1980 tiven problemas no instituto cunha profesora de Filosofía, que non tiña ela a culpa de todo, eu tamén axudei. Non lle deu a gana de aprobarme en xuño, eu tamén lle fixen o ano bastante difícil, e fun a setembro. Suspendín e aí me quedou un ano de non saber que facer, se estudar, sachar ou botarme a outras cousas. Cadrara con Cándido Pazó no COU, el tiña un grupo afeccionado e alí me fun, para desgusto de meu pai e alegría da miña nai. No entroido de 1980 estreeime como actor, andando en zancos, pola parroquia. E ata agora. Montei escenarios, levei luces... Na miña primeira actuación facía de anano e caeu a escenografía toda, xusto ao meu lado. Quedei como a figura máis alta.
—Andaba na última conversa con algo de abellas.
—Cando foi o confinamento de covid, pasei a corentena na casa de meus pais, aquí en Vigo, unha suma de aldeas, mirando para elas. Estamos convertendo agora o meu apiario nun apiario comunal, parroquial. Van os nenos, levo xente, encántame ensinar, falar...
—Se o Xograr tivese un poder, que pediría para as artes escénicas?
—Buf, pois mira, pediría dúas cousas. Alegría e traballo. E se hai que pedir unha soa, pois traballo, e que o traballo traia moita alegría, non?