Suso de Xornes, regueifeiro bergantiñán: «Mentres regueifas espremes o cerebro»
CARBALLO MUNICIPIO

Da vella garda deste xeito de improvisación oral, participará nos Premios Galegos que celebrará La Voz en Carballo este sábado. A regueifa, di, está salvada. Festexa non ser o maior nesta ocasión
09 ene 2025 . Actualizado a las 12:42 h.Apenas catro días quedan para os Premios Galegos da Regueifa. A cuarta edición de Espalla Rimas será este sábado 11 de xaneiro, ás seis da tarde, no Pazo de Carballo, con acceso libre e de balde. O encontro, iniciativa de La Voz co apoio da Xunta, Calvo-Nauterra e Concello, terá entre as súas voces unha icónica, a do regueifeiro bergantiñán Jesús Lema García, Suso de Xornes (1957), sobriño do histórico Mandián. Convida a acudir, non só por escoitar regueifa, senón pola actuación de Pan Sen Fron: «Son para oílos».
—Afiadas esas linguas e gorxas?
—Haiche días mellores e días peores, pero ímonos coidando.
—Vén de participar nun encontro de regueifas en Valadares, Vigo, xa un clásico da Asociación Oral, á que pertence. Como foi?
—Moi ben, quedamos sorprendidos con dúas rapazas andaluzas, xemelgas, das Alpujarras. Que marabilla escoitalas! Elas fan quintillas. Estivo tamén Augusto O Canario, auténtico espectáculo. Polo que nos comentaban estas mozas, en Andalucía pasa un pouco como en Galicia, ou como pasaba. A improvisación está localizada nesa zona, sur de Granada, e Almería, e para de contar.
—Este sábado en Carballo serán dez a regueifar. Dende algún de vinte anos a outros que xa pasan da idade de xubilación. Presta ver esa diversidade no escenario.
—Si, si! E seguindo o diario esta semana vin que este ano hai un máis aínda maior ca min, o cal dá moito gusto de ver [ri].
—Aí véusenos arriba.
—Home! Dunha escola normalmente o que sae é xente nova, así que ben que me alegro de que chegue el [Paco Felípez]. Non vou ter sempre o récord de maior!
—Xa din que a Escola de Regueifa de Carballo é dos 0 aos 100.
—Eu dos cen para arriba non creo que dea moita batalla, pero de momento aí estou.
—Falando de xubilación... Como se lle dá a vida sen ser garda civil?
—Tiven unha vantaxe ao xubilarme, e é que, como xa non era moi traballador [ri], non o notei tanto. Hai xente que marcha da empresa e lle parece que vai ter que cerrar, pero a min non me afectou o máis mínimo. Sígome entretendo coa regueifa, e mentres poida, seguirei.

—Entendía o oficio de garda civil como servizo á sociedade. Que vostede ou Antonio de Xornes gardasen tantos anos a regueifa de Bergantiños tamén o foi.
—Houbo un tempo no que estivo para morrer. Eu andaba destinado por media España e Antonio traballou por fóra, así que, cando xa Fermín da Feiranova e Guillermo da Rabadeira ían a menos, porque se facían maiores, houbo momentos nos que quedabamos nós. Calviño tamén morreu novo... E aínda así téñennos chamado para unha regueifa e non poder, por non estar aquí. Cando saíu todo o de Valadares (Vigo), empezou a saír xente, chegou Lupe, incorporación importantísima, e así aos poucos... Foran anos malos. Por sorte, fomos aguantando, e hoxe é unha ledicia ver o que hai.

—Tabernas, escenarios, obradoiros en escolas e asociacións, vodas, televisión... neste último ano tivo algo de todo coa regueifa. Préstalle máis algo en concreto?
—Máis cómodo calquera regueifeiro che di que nunha voda, cando o público está predisposto e, como se di vulgarmente, moita sede xa non hai: aí participan máis, están máis receptivos. Non é igual que meterte nun escenario e ter a xente a 30 metros, que aínda chega fría. O máis distendido, e máis doado para o que improvisa, son tabernas e celebracións sociais.
—De vostede dixeron que é o Báyern de Munich da regueifa.
—Algunha ocorrencia que houbo por aí! Home, a ver, a experiencia de algo ten que valer, pero diso a tanto balón de ouro tampouco. Por sorte hai competencia.
—Algún regueifeiro prognosticou que, igual que vostede e Antonio saíron, outros regueifeiros sairían. O tempo deulle a razón.
—Totalmente. Mesmo aquí, ademais de Lupe, profesional tanto na ensinanza como regueifando, aí está a moza Yessica, e outros rapaces. E igual ocorre no sur. O tema escolas vale moito, moita xente antes non o facía por descoñecemento, non por falta de calidades.

—Damos por salvada a regueifa?
—Penso que si, salvouse, e aínda con máis forza ca naqueles tempos. Hoxe é algo a nivel Galicia, aínda que haxa sitios con máis peso, pero cando eu empecei era só Bergantiños. Chegabas a Arteixo e non sabían o que era. Os obradoiros nos colexios serven para dar a coñecer, pero podes ter trinta rapaces e só un 10 % interesado, e aínda así cohibido. Así que para min son moito máis efectivas escolas específicas como a de Carballo, creo que un avance enorme.
—Algún consello para este sábado?
—Entendo que a xente nova poida ter máis nervios, pero eu diría que a clave dun regueifeiro é non preparar nada. Chegar, escoitar o tema que toque, ou regueifar libremente se así se pide, e improvisar. E se unha copla sae mal, nada pasa. A min o primeiro que me tocou foron as criptomoedas, xa imaxinas o asunto...
—Que distingue á regueifa de aquí?
—Nós cantamos coa tonada de sempre. No sur elixen outro tipo de melodía, outro xeito de cantar. Ou mesmo se varía. A min non me moven da miña porque nacín con ela. É cuestión de gustos. Logo está a copla, que saia ben, que saia cadrada.
—A vostede que lle dá a regueifa?
—Coñecer. Ambientes, xente, xeitos de facelo. Exercitas a mente, mentres espremes o cerebro. Só lle vexo vantaxes.