Os talleres de regueifa chegarán para a semana ao Alfredo Brañas de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
Lupe Blanco e Josinho da Teixeira impartirán estes talleres, para alumnado de segundo da ESO
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Quen sabe se nos próximos Premios Galegos da Regueifa chegarán adolescentes destes obradoiros? Faise a pregunta Alberto Liñares, este ano docente no instituto Alfredo Brañas de Carballo, e un dos participantes deste certame que a capital de Bergantiños acollerá mañá. Para seguir aumentando o número de persoas afeccionadas á improvisación oral, chegarán para a semana os obradoiros de regueifa a este instituto carballés: luns, martes, mércores e xoves, para alumnado de segundo da ESO, cos mestres Lupe Blanco e Josiño da Teixeira.
Dáse así continuidade á xira polos centros educativos do municipio iniciada antes de Nadal: son talleres correspondentes ao proxecto Enreguéifate, que ten Carballo entre os concellos organizadores, e que pretende impulsar a improvisación oral en verso e contribuír de paso á promoción do uso da lingua galega. «Darlle aos miolos para rimar é unha moi boa forma de achegarnos ás relacións sociais», sostén Liñares. Máis aínda en Bergantiños, onde a regueifa se mantivo máis tempo. Discurso, aptitudes retóricas, diálogo horizontal, escoita, atención e respecto polo outro interlocutor, busca de vocabulario, agudeza de enxeño... Todo iso consegue alimentar a regueifa, amais de ser espazo lúdico de aprendizaxe e mesmo denuncia de cuestións que conviría mellorar.