«586 cantos», espectáculo musical e audiovisual arredor da literatura oral, chega a Carballo
CARBALLO MUNICIPIO

Cita imprescindible para este venres no Pazo. Sobre o escenario, Tania Caamaño, Richi Casás, Fran Barcia e Marina Vidal. Un tributo a quen conservou e transmitiu a poesía popular. Tamén a Schubarth e Santamarina
20 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • 21.00 horas • Pazo da Cultura • 5 euros (3 a entrada reducida) • Non sairá igual ca entrou. Sairá removido, polas imaxes dun tempo que marchou, polo talento musical no escenario ou pola voz de Tania Caamaño interpretando arrolos ou Cantos de Reis. Se ten ocasión, non perda mañá en Carballo o espectáculo 586 cantos (21.00 horas, Pazo da Cultura, baixo o paraugas dos Venres Culturais). Música en directo, no contemporáneo, dialoga coas fotografías e as gravacións feitas hai máis de 40 anos por Dorothé Schubarth no seu percorrido por Galicia.
586 cantos é unha idea da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, no que se pon en valor aquel traballo da suíza e de Antón Santamarina, así como o papel das portadoras e transmisoras da poesía popular oral. A montaxe audiovisual é obra dos cineastas Laura Piñeiro e Fran Rodríguez, mentres que a reinterpretación en vivo de oito dos cantos recollidos no seu día corre a cargo de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Camaño e María Vidal. Entradas en billeteira.carballo.gal.