José Ramón Luna de la Ossa volve gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís
CARBALLO MUNICIPIO

Este ano presentáronse 129 obras de 57 autores e autoras de Galicia e doutras partes de España
22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O 27.º Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís xa ten gañadores. O fotógrafo profesional José Ramón Luna de la Ossa, de Cuenca, fíxose co primeiro premio coa fotografía Como fue ayer. Recibirá así 1.500 euros mais o diploma acreditativo. O acto de entrega dos galardóns celebrarase o vindeiro venres, día 25, ás 20.30 horas na Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura, espazo que acollerá ata o 30 de maio unha mostra coas fotografías gañadoras e unha selección de 59 obras realizada polo xurado entre todas as presentadas. O horario de visita é de luns a sábado de 17.00 a 21.00 horas.
Luna de la Ossa xa gañou o certame do Concello de Carballo varios anos. Dende neno foi atraído polo mundo da fotografía. A súa formación inicial foi autodidacta.
O xurado, composto por representantes da área municipal de Cultura e de outras entidades así como por fotógrafos profesionais, tamén seleccionou outras obras. Ángel Atanasio Rincón, de Ciudad Real, fíxose co segundo premio coa súa proposta Infancia olvidada. Patrocina este galardón, dotado con 750 euros, a Fundación Luís Calvo Sanz. A carballesa María Jesús Iglesias Regueiro, afincada en Santiago, recibiu o premio especial Carballo (500 euros), patrocinado por Interfilm Carballo, pola súa obra Regueiros na area de Razo. Por último, Antonio Gutiérrez Pereira, de Vigo, fíxose co accésit de 300 euros con Salvaje.
Este ano presentáronse 129 obras de 57 autores e autoras de Galicia e doutras partes de España como Andalucía, Cataluña, Castela-A Mancha, A Rioxa, Madrid ou Valencia. Trátase dunha iniciativa que lembra ao que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións.