O Concurso de Solistas do Conservatorio de Carballo xa ten gañadores
CARBALLO MUNICIPIO

Semana intensa para o centro, que tamén celebrou esta semana un Encontro de Big Bands
25 abr 2025 . Actualizado a las 22:42 h.O programa Abril Musical do Conservatorio de Carballo incluíu esta semana dúas relevantes paradas. A primeira foi o martes, o terceiro Encontro de Big Bands, no que ademais da Big Band Carballesa —anfitrioa, dirixida por Javier Bardanca—, participou a Xingro’s Big Band, de Redondela. Unha iniciativa que vai collendo pulo, a xeito de intercambio de bos faceres e co ánimo de «darlle vida a este estilo», como dicía o tamén director do Conservatorio na previa.

Doutro lado, a segunda das paradas chegou este venres, coa gran final do Concurso de Solistas, que igualmente vai xa pola terceira edición. Chegaron a esta fase un total de 14 alumnos, en tres categorías.
A primeira delas correspondía ao grao elemental de formación no Conservatorio, resultando gañadoras Carmen Veira Lamas (primeiro premio) e Emilia Borja Sánchez (segundo), con Elsa Pazos, Marta Rey e Alba Felípez como finalistas.
A segunda das categorías, de primeiro a terceiro de grao profesional, deixou como gañadores a Aaron García Muíño (primeiro) e a Adela Baldomir e Leon Heldt (segundo compartido). Foron finalistas tamén nesta categoría Martín Ordóñez e Carmen Lema.
Finalmente, na categoría correspondente aos cursos comprendidos entre cuarto e sexto de grao profesional, mereceu o primeiro posto Artsiom Davydzionak, con Andrés Pedreira Varela no segundo. Nesta terceira categoría, chegaron asemade á fase final Daniela Alfeirán Espiño e Noah Quintela Salcines. Tarde de música no Pazo, nunha desas novas citas de apertura do Conservatorio á sociedade. O primeiro premio leva canda si un vale de 100 euros para unha tenda de música e unha actuación como solista cunha formación do centro o vindeiro ano. O segundo premio, un vale de 50.
Cita por vir
Logo destas paradas, o Abril Musical do Conservatorio chegará á súa fin o vindeiro 29 de marzo, martes, neste caso cunha audición de música de cámara (19.00 horas).