Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Conclúe o Carballo Interplay máis social logo de tocar temáticas como a vivenda ou o racismo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Código Fonte Audiovisual, onte, con Bob Pop. Roberto Enríquez Higueras é un crítico de televisión, experto en moda, escritor...
Código Fonte Audiovisual, onte, con Bob Pop. Roberto Enríquez Higueras é un crítico de televisión, experto en moda, escritor... BASILIO BELLO

Hoxe, no Mercado (12.30), entrega de premios

27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Canalejo e Belén Puime, dous profesionais do audiovisual que, precisamente, deron algúns dos seus primeiros pasos no Carballo Interplay, serán hoxe os encargados de conducir o acto de entrega de premios desta duodécima edición. Será no Mercado, a partir das doce e media da mañá, e no transcurso do mesmo entregaranse os galardóns a mellor serie (800 euros máis trofeo) e a mellor dirección (200 euros máis trofeo), outorgados por un xurado profesional, así como un galardón que será decidido por un xurado novo (400 euros máis trofeo).

Así mesmo, o mellor proxecto de webserie en galego será apoiado con 3.000 euros para contribuír ao seu desenvolvemento, e na sección de Mellor Creación Dixital en Galego repartiranse tamén sendos galardóns de 600 euros ao mellor creador de contido e á mellor canle.

Todo iso, logo dun sábado que estivo pleno en actividade. A terceira e última xornada completa de programación arrincou cun panel no que Juana Dolores, Puto Mikel e Christo Casas debateron sobre cuestións como o papel das redes sociais na loita contra os discursos de odio ou cómo o traballo e a produtividade definen a vida das persoas.

Seguidamente, Chaimaa Boukharsa, Lucía Mbomío, Voria Stefanovsky e «Guru» Jiménez reflexionaron sobre loita antirracista e xitanofobia, mentres que, xa pola tarde, chegou a Carballo un dos videopodcast máis populares a nivel estatal: Keep it cutre, un programa de conversas creado por Ángela Henche e Albanta San Román.

Onte tamén chegaron ao seu fin as proxeccións da sección oficial de series, e o escritor e guionista Bop Bop tivo a oportunidade de compartir co público unha selección de fragmentos de obras audiovisuais que marcaron a súa cultura e a súa forma de entender o mundo. Foi ao abeiro dunha sección que o Interplay bautizou como Código Fonte Audiovisual.

Por último, a xornada do sábado concluíu co espectáculo Aquí no hay quien viva, da cómica Ana Polo, que repasou en clave humorística a crise da vivenda e que contou con Facu Díaz e Miguel Maldonado como convidados especiais.