«Queremos darlle visibilidade ao traballo que se fai nas aulas»

V. COUTO / S. G. CARBALLO / LA VOZ

CEE

XESUS BUA

O prestixioso músico Fernando Fraga organiza o encontro que se celebra hoxe en Cee, con acordeonistas de toda Galicia

17 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cee acolle hoxe a primeira Xuntanza de Acordeonistas de Galicia, a partir das 12.30 horas no auditorio da Casa da Cultura. O encontro está organizado polo Concello e pola Escola Municipal de Música. Os acordeonistas participantes, chegados de tres provincias, ademais dos locais, ofrecerán un concerto tocando solos, en grupo de acordeóns ou con outros instrumentos en distintas formacións. Á fronte de todo isto está Fernando Fraga Traba, prestixioso acordeonista e director da Escola Municipal de Música de Cee.

-¿De onde sae esta iniciativa do primeiro encontro de acordeonistas?

-Xurdiu dende a Escola, e dende todos os profesores cos que teño contacto en Galicia, un pouco para darlle visibilidade ao traballo que se fai nas aulas. E levamos xa tempo pensando en facelo, e pareceunos unha boa data o Día das Letras Galegas, onde máis ou menos todos temos posibilidade de desprazarnos e celebrar este día, e cunha linguaxe universal como é a música.

-Un xeito tamén de conmemorar as Letras.

-Iso é. De que mellor maneira que coa lingua da música, que non coñece fronteiras, e de aí decidimos convidar aos profesores cos que mantemos contacto. Foron algúns deles os que poden vir, pero a idea é darlle continuidade a este proxecto, e facelo en máis ocasións para que se apunten outras escolas, conservatorios, asociacións que hai por Galicia dando clase de acordeón... Non podemos estar todos porque se non, estaríamos todos o día de concerto, e queremos que sexa algo asumible para o público de cara a concerto.

-¿De que lugares principais van chegar os acordeonistas?

-Nesta ocasión van vir dende Ourense, Pontevedra, Cedeira e Santiago, ademais dos propios alumnos da Escola Municipal de Música de Cee.

-¿E como se vai a desenvolver a xornada no día de hoxe?

-Imos facer un concerto dende as 12.30 da mañá no auditorio da Casa da Cultura de Cee. Antes do concerto imos darlle a benvida a todos os participantes e acompañantes. Unha vez que rematemos imos ter aí unha pequena comida para comentar todo o acontecido, e logo faremos de guía de todas aquelas persoas que queiran visitar os sitios máis coñecidos da nosa zona. E se alguén non os coñece e quere velos faremos o que poidamos.

«Que mellor maneira de celebrar as Letras Galegas que coa lingua da música»

-¿Pódese dicir que este encontro é pioneiro, polo menos na nosa comarca?

-Si, pero sobre todo é para darlle visibilidade ao traballo que se fai nas aulas, e o que fai cada rapaz na casa, co seu estudo individual, que case sempre é moi solitario, co seu instrumento e punto. Non hai unha competición, concurso, é para pasar un bo momento. Queremos sobre todo, pasar unha xornada lúdica, sen afán de competitividade, unha audición entretida. A ver como resulta. E a idea é seguir aquí nos vindeiros anos, ou noutro sitio que se ofreza. Pero, como non hai moitas oportunidades para tocar, aparte dos auditorios dos conservatorios e das escolas de música, parécenos unha boa maneira de quedar nunha xornada e compartir o que cada un está facendo.

-¿Canta xente vai participar, de que niveis, e con que repertorio?

-Tocarán uns 25 rapaces, dende os 9 anos e ata os 17 ou 18. Ou sexa, dende practicamente o inicio da formación ata que acabas o profesional e das o paso ao superior. O repertorio vai ser moi variado, e con total liberdade para que cada un aporte o que desexe. Haberá dende pezas adaptadas de Bach, Vivaldi ou Piazzola, ata composicións de autores que escribiron para acordeón especificamente: autores rusos, franceses, españois.

-¿Cantos alumnos de acordeón teñen en Cee?

-Vinte, e actúan catro.