O instituto Fernando Blanco foi unha das primeiras entidades en ter luz eléctrica na bisbarra

darío areas domínguez

CEE

DARIO AREAS

CRÓNICAS DO PASADO | O subministro foi unha realidade en Cee en 1906, grazas a unha novidosa instalación que custou 3.884 pesetas

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«A noite está varrida da Terra» foi a expresión utilizada por un dos asistentes que, na noite do 2 de abril de 1851, estaba presente no claustro do edificio central da Universidade de Santiago de Compostela no momento en que se probaba, por primeira vez en España, a luz eléctrica mediante un arco voltaico. O promotor deste fito histórico foi o catedrático Antonio Casares Rodríguez, considerado o «pai da Química» en Galicia. Curiosamente, o seu fillo José Casares Gil foi profesor no Instituto Fernando Blanco durante tres meses a finais do ano 1888, xusto antes de lograr a primeira cátedra de Análise Química e Técnica Física da Facultade de Farmacia de Barcelona.

Cincuenta e cinco anos máis tarde, o 1 de abril de 1906, algo parecido tiveron que pensar os veciños de Cee cando chegou a luz eléctrica á vila da Xunqueira. Previamente, o 18 de outubro de 1905, o Concello de Cee adxudicara a autorización para tender unha rede de baixa tensión polas rúas da vila a favor de Electra Cereijo pola cantidade de tres mil pesetas anuais.

O alumeado de petróleo que se estaba usando no Instituto Fernando Blanco era indispensable substituílo por outro que reunise mellores condicións para o edificio en xeral, e, moi particularmente, para as clases de debuxo e música. Nun primeiro momento pensárase na posibilidade de utilizar o acetileno, pero os responsables da Fundación cambiaron de idea ao ser coñecedores de que unha empresa local podería subministrar en breve enerxía eléctrica. Esa empresa non era outra que Electra Cereijo, a cal trataba de aproveitar un salto de auga do río Brens para a súa produción, moi preto do coñecido Muíño de Pou.

O 20 de marzo de 1906 asinábase o contrato de servizo de alumeado eléctrico do Fernando Blanco entre Juan Cereijo Fernández, dono de Electra Cereijo, e Samuel García Pérez, José María Guillén Cabeza e Mariano Michinel Oto, director, secretario e administrador, respectivamente, do instituto e escolas da Fundación, ratificando así o proxecto e orzamento presentado pola empresa o 23 de xaneiro dese mesmo ano.

O orzamento da instalación ascendía a 3.484,30 pesetas, aínda que o realmente pagado foron 3.841,60 pesetas, e todo isto sen incluír os aparellos de luxo mercados na prestixiosa casa Juan Wenzel & Cia de Madrid e que subministrou a propia Fundación, como «una araña para el salón de actos con quince luces y cinco aparatos con tres brazos cada uno; otro aparato para la escalera principal con tres luces; una lámpara de cuatro luces para la Dirección; dos para las habitaciones de los Fideicomisarios y Administrador, de cuatro luces cada una; y otras dos para los comedores de dichas viviendas, de cuatro luces cada una; tres portátiles de lujo para la Dirección, Secretaría y sala de actos; y tres arcos voltaicos para el portal y ángulos centrales de la fachada. Para suplir cualquier falta que ocurra hay también un repuesto de lámparas, portalámparas, tulipas y todo el material de instalación necesario». Algún deste material aínda se poder ver hoxe tanto no instituto como no Museo Fernando Blanco de Cee.

Segundo se desprende do proxecto de instalación non se escatimou en gastos, pois as luces estaban repartidas por todo o centro con verdadeira profusión. O contrato asinado sinalaba que o pago do consumo sería mensual. Aínda así, o certo é que a primeira factura emitida pola empresa eléctrica data de finais de outubro de 1906 recollendo o consumo dos seis primeiros meses. O importe desa primeira factura ascendeu a 406,45 pesetas.

Os empregados de Electro Cereijo tiñan permitida a entrada en tódalas dependencias nas que se fixera a instalación para a súa inspección, sempre que as horas de verificación non coincidisen coas de clase ou coa celebración de actos no recinto educativo. O contrato tiña unha validez de catro anos, renovándose por anualidades sempre e cando as partes estivesen conformes. A última factura emitida por Electra Cereijo á Fundación Fernando Blanco foi en setembro de 1940, sendo Electra del Jallas a empresa subministradora a partires de outubro dese mesmo ano.

Os que tiveron a oportunidade de entrar no impoñente e maxestoso edifico do Instituto, o cal, ademais de pola extraordinaria dotación do material didáctico mais avanzado da época, caracterizábase polo luxo e a riqueza, e puideron velo por primeira vez iluminado, a bo seguro non esqueceron ese instante no resto das súas vidas.