O colexio de Cerceda que foi por diante dos políticos e pediu hai dous anos a presenza do galego na UE

M. López CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Punto informativo instalado no centro polos alumnos promotores da iniciativa, en 2021
Punto informativo instalado no centro polos alumnos promotores da iniciativa, en 2021 ana garcia

Moito antes do debate sobre a oficialidade e o uso do galego nas institucións, alumnos do CPI O Cruce arrasaban coa súa campaña

23 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito antes de que Xosé Ramón Gómez Besteiro pronunciase as primeiras verbas en galego no Congreso dos Deputados, e de que o Goberno solicitase a Bruxelas o recoñecemento das linguas cooficiais españolas, alumnos de cuarto da ESO dun colexio de Cerceda lanzaban unha campaña para lograr que a lingua galega se fixese un oco nas institucións europeas.

Lanzada no 2021 no marco do Día Internacional da Lingua Materna, a iniciativa traspasou os muros do CPI O Cruce e alcanzou máis de 3.500 sinaturas na plataforma Change.org, ademais do apoio público de políticos, intelectuais ou persoeiros do eido da educación. Mesmo conectaron por videoconferencia coa eurodeputada Ana Miranda, que xa ten defendido en Bruxelas a utilización e o respecto ao galego. «Aínda hai moitos prexuízos e hai que loitar contra eles para defender a nosa lingua, porque do contrario pode desaparecer nuns anos», comentaban entón dende o grupo de estudantes impulsores da campaña, sorprendidos pola difusión conseguida.

A implicación coa lingua deste centro, embaixador da UE, é palpable a tódolos niveis. Este mesmo ano, sen ir máis lonxe, rapaces do CPI O Cruce eran os gañadores do Correlingua cunha pancarta na que botaban man dun tema do coñecido cantante Quevedo para reivindicar «O galego todo o tempo en todas partes».