Richi Casás: «A primeira literatura en todas as linguas do mundo foi a oral»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

ANA GARCÍA

Rosa e Adolfina, dúas das cantareiras que lle poñen nome propio ás Letras Galegas 2025, foron súa avoa e madriña. Richi, ademais de músico, é autor do libro «Fuliada na Vila». Así valora o recoñecemento da Academia á poesía popular. Fala dende A Vila da Igrexa, Cerceda 

29 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Vila da Igrexa, en Cerceda, no mesmo apeadoiro de tren onde un día baixou, ano 80, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubart, Richi Casás (1977) debulla nunha tarde de novembro recordos de Rosa Casás Rama, a súa avoa, e de Adolfina Casás Rama, «a madriña». Sobriña e tía, pero criadas como irmás, foron labregas, xornaleiras, fillas de solteira e nais solteiras. Rosa emigrou, e volveu; Adolfina nunca saíu de Cerceda. Xunto coas pandeireteiras de Mens e con Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina, falecidas no 2005 e no 2009 aos 93 e 98 anos, respectivamente —segundo os datos das súas lápidas—, son dous dos nomes propios da candidatura elixida pola Real Academia para as Letras Galegas do 2025. Estarán dedicadas á poesía popular oral, a través das cantareiras. De novo, como ocorre con Luísa Villata neste 2024, conviven literatura e música.

De como Richi Casás chegou a saber, moitos anos despois do 1980, que Rosa e Adolfina foran informantes de Dorothé Schubarth, pódese saber máis no libro-cedé Fuliada na Vila (2020, aCentral Folque), escrito por el mesmo. A descuberta tería fondo impacto na carreira que como saxofonista desenvolvía no Conservatorio da Coruña, na especialidade de jazz. Na súa obra debulla, e por aí comeza todo, que non foi ata o 1989 que el escoitou cantar e tocar por vez primeira música tradicional a Rosa e Adolfina. Como non, ocorreu na Vila da Igrexa, onde a televisión aínda non entrara como nova opción para o lecer. Unha auténtica revelación posta enriba da mesa aquel 1989 a base de sacarlle falas e bailes «aos cacharros da cociña».

Richi, no túnel da Vila da Igrexa, toda unha paisaxe sonora para o seu saxo
Richi, no túnel da Vila da Igrexa, toda unha paisaxe sonora para o seu saxo ANA GARCÍA

Cunha formación musical diversa, Richi foi gaiteiro ou músico de orquestra, en formacións icónicas como Los Satélites. Integrante da banda Xangai, tamén percorre hoxe Galicia co espectáculo 586 cantos, iniciativa do Museo do Pobo que homenaxea a todo aquel traballo de campo que Dorothé desenvolveu de par do académico Antón Santamarina, e que frutificaría na biblia do tradicional, o Cancioneiro Popular Galego editado pola Fundación Barrié.

Honrados e humildes

«Que elixiran ás cantareiras para as Letras non me sorprende, incluso me estraña que se tardase tanto. Estas mulleres e homes, a xente que transmitiu a música tradicional nas cociñas das casas, son os mesmos que transmitiron refráns, contos, romances, receitas, costumes, conxuros... Toda a nosa cultura falada, durante os séculos escuros da lingua, transmitiuse en base a esta tradición familiar. Que o recoñezan paréceme, non só xusto, senón necesario», valora Richi. Outra cousa é a personificación en Rosa e Adolfina, que si sorprendeu na familia: «Non son para nada coñecidas no mundo tradi, son dúas mulleres das 590 persoas ás que lle recolleu cantigas Dorothé, e en Galicia hai moitos cancioneiros», incide.

Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO
Rosa e Adolfina, por Dorothé Schubarth, ano 1980 / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO DOROTHÉ SCHUBARTH / APOI / MUSEO DO POBO GALEGO

A volta que lle deu Richi ao seu traballo de fin de carreira no Conservatorio logo de atopar aquel pasado da súa avoa e a súa madriña; o libro Fuliada na Vila, do que despois sairía o documental Dorothé na Vila; entrevistas, concertos ou monografías... Semella que todo isto chegou á Academia. Séntense «honrados, dende a humildade»: «É un recoñecemento a todas as cantareiras, un corpus inmenso do que Rosa e Adolfina son dous exemplos. Sen ser tampouco grandes virtuosas do canto ou da pandeireta, elas, que tamén elaboraban coplas, o que si son é un exemplo extraordinario da enorme calidade media neste ámbito (...) Na familia vívense as Letras como un orgullo. Meu irmán Rafael é filólogo». A elección da RAG, feita pública en xullo, acolleuse en Galicia con celebración colectiva, mais algunha voz crítica houbo.  

«Toda crítica aporta un punto para a reflexión, e é bo reflexionar se a poesía popular, que é a que se premia, non só a parte musical, tamén a literaria, é literatura. Éo. A primeira literatura en todas as linguas do mundo foi a oral. A música popular destes homes e mulleres é literatura coas letras máis grandes. A obra que inicia o rexurdir da lingua galega é Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, escrita nas formas da literatura popular, coplas para ser cantadas. A razón de que as Letras sexan o 17 de maio está na data de publicación dese libro. Ten todo o sentido, por tanto, que a Real Academia recoñeza ás cantadoras tradicionais», manifesta Casás. Falecida aquela xente á que se lle fixeron recollidas, para Richi o reto está hoxe en día en poñer a libre disposición da sociedade os arquivos sonoros que hai en mans públicas, e axudar a facer o mesmo —dixitalizar, indexar, documentar— cos tesouros que gardan numerosas asociacións. Logo da «xeración túnel» —diso escribe tamén en Fuliada na Vila—, hoxe, por sorte, hai un feixe de miradas revisitando o talento das avoas e avós.

Coma el.