
O Abaladoiro | Rapaces do CPI O Cruce protagonizan un exitoso vídeo con miles de visualizacións en só unhas horas
18 mar 2025 . Actualizado a las 23:16 h.Con picardía e a través dun vídeo animan a usar a lingua, e a gozar con ela, como eles o fan. As imaxes dos rapaces en parella levan ao espectador a un xogo de confusión entre a lingua «órgano» e a lingua «idioma». Dan consellos para empregala e, con iso, volvéronse virais. Novamente, habería que dicir, porque xa ocorrera o ano pasado. Rapaces de cuarto da ESO do CPI O Cruce de Cerceda protagonizan este traballo gravado para o programa DígochoEu, coa comunicadora Esther Estévez como rostro visible, e que en tan só unhas horas acadou 160.000 visualizacións en TikTok, máis de 125.000 en Instagram e moitas outras en Youtube, Facebook e X.
O contido foi ideado polos estudantes e enviado ao programa a través do seu profesor Nel Vidal. Unha vez seleccionado, chegou a gravación —6 de febreiro, con charla incluída de Estévez aos nenos de sexto de primaria— e, finalmente, o lanzamento, este 17 de marzo. Protagonizan o vídeo Aroa Rey, Carlos Rumbo, Ainhoa Silveira, Olivia Lamas, Rubén Campelo, Paula Castro, Iria Dubra, Celia Bello, Noelia Castro, Joaquín Raña, Sheila Fraga, Antía Porto e Saúl Pardo.