Medio milleiro de colaboradores xúntase para engrandecer a festa do Mercado Medieval, presentada hoxe: será do 28 ao 30 de xullo
27 jul 2023 . Actualizado a las 18:59 h.Corcubión logrou salvar a súa historia. No medio da incerteza de se se podería celebrar a 21.ª edición do Mercado Medieval de Corcubión trala dimisión do anterior grupo organizador, foron seis veciños os que se puxeron ao mando para facilitar que Rodrigo de Luna atacase de novo ao conde de Altamira. Esta vez chegará unha semana máis tarde do habitual, o 28, 29 e 30 de xullo, pero vén con máis folgos.
O alcalde, Francisco Xabier Domínguez, Drok, agradece «inmensamente» á agrupación organizadora pola súa aposta e por darlle continuidade a esta emblemática celebración nunhas circunstancias ben difíciles, agravadas pola demora en decidirse a constitución da nova corporación municipal. Só tiveron tres semanas para para organizar todo e sumaron case 500 colaboradores, segundo Jan Lamas, voceiro do novo grupo encargado do evento. Vén a ser como se todo o pobo decidise saír ao rescate dunha festa de gran sona. Dá as grazas a todas aquelas persoas e asociacións que lle brindaron axuda, desde Estrella Galicia pasando por Universidade Popular de Corcubión, Farándula Velutina, Asociación de Amigos do Porco Celta, que aportou 5.000 euros, Coral Airiños de Quenxe, a plataforma Portos si, mortos non e ata as persoas anónimas que fan posible o mercado. E tamén gratitude cara a Costa da Morte enteira por acoller a iniciativa cos brazos abertos «e con un entusiasmo que facía tempo que non se lembraba na nosa vila», comentaba primeiro Drok e ratificaba Lamas instantes despois.
Este ano haberá novidades. A primeira é que o Desembarco volverá ás súas orixes, a praia urbana de Corcubión, porque axuda «ó mellor desenvolvemento do mercado e pode axudar a ter unha maior visibilidade», explicaba o alcalde. Tampouco será de noite. Farase ás 20.30 horas do venres 28, debido ás mareas.
O Mercado Medieval abrirá pola mañá, ás 12.00 do venres, antes de revivir a batalla do século XV. A súa estrutura básica mantense, pero incorporará elementos novos. Recupera o atractivo da cetrería, con exposicións e espectáculos de aves rapaces. Haberá tamén ludoteca infantil, que permitirá que os máis pequenos aprendan historia de Corcubión con carruseis artesanais. Ademais, este ano, nos xardíns e na Praza do Concello haberá unha representación dos campamentos militares, que se suman ás actividades e que recordarán a vida cotiá da época.
Haberá actuacións cada quince minutos, contadas de contos, exhibicións de loita, pasarrúas ou desfiles. No Desembarco inclúense innovacións. Será más teatral e un grupo de nenos terán moito protagonismo, segundo Marina Gómez, a encargada do evento. Participarán o Grupo Xaviñanas (da Universidade Popular), Farándula Velutina e a escola de teatro municipal. Tamén estará presente o famoso actor Crispín d´Olot.
O cartel é de Paula Cristino. María Bella, concelleira de Cultura, lembrou na presentación a visita do pobo irmandado de Ashbourne (Irlanda). A recepción (venres 28, 12.00 horas) será pública para que a veciñanza poida coñecer a historia desta localidade irlandesa ligada a Corcubión desde o 2017.
PROGRAMA EN EIXOS BÁSICOS
Venres 28
- 12.00. Apertura do Mercado.
- 18.00. Izado do pendón no Pazo de los Condes de Altamira.
- 19.00. Coral Airiños de Quenxe, na igrexa de San Marcos.
- 20.30. Desembarco das tropas.
- 23.00 Actuación de The Gaeloc.
Sábado 29
- 11.30. Apertura do Mercado.
- 21.00. Cantrometrics. A viaxe galega de Lomax e Bell.
- 23.00 Actuación de Alborada.
Domingo 30
- 11.30. Apertura do Mercado e animación ambiental.
- 19.10. Actuación de maxia de Hípica Celta
- 23.00. Espectáculo con lume con Seres da Noite.
- 24.00. Clausura e baixada do pendón.