«No franquismo, guerrilleiros de Ordes atacaron á Garda Civil de Vimianzo»
CORCUBIÓN
Gentes del Finis Terrae | O escritor e historiador Luís Lamela recolle no seu libro a memoria de aqueles que loitaron contra as forzas da ditadura
15 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Habitual colaborador de La Voz de Galicia coa sección Galicia oscura, Finisterre Vivo, Radio Voz Bergantiños falou onte co escritor e historiador Luís Lamela, veciño da Coruña pero corcubionés de nacemento e de corazón. Sempre implicado coa preservación da memoria da Costa da Morte, vén de publicar o ensaio A loita dos perdedores. Razón e xénese da guerrilla antifranquista en Galiza, unha obra que xa se pode atopar nas librarías da man da editorial Laiovento.
—Enfocar, poñer rostro, crear unha imaxe máis humana, e quizais máis equilibrada, da loita antifranquista: ese é o propósito desta obra. Que o levou a iniciar este proxecto?
—Pois un dos primeiros libros que publiquei foi sobre a figura dos Foucellas, que a pesar de ser personaxes míticas, realmente non se sabía moito delas. Isto levoume, anos despois, a falar sobre os escapados, que foron os precursores dos guerrilleiros. Nese camiño, quixen saber máis deses homes, mortos na súa maior parte a mans dos seus perseguidores, e levei a cabo unha investigación que me levou moitos anos, pois a documentación non era accesible. Fun creando biografías dunha xente, completamente descoñecida, que formou o exército que durante anos despois da guerra loitou contra as forzas franquistas.
—Contar esas vidas, en biografías que van dende o 1936 ao 1965, é para vostede unha forma de facerlles xustiza?
—Pois si, porque durante a súa loita a propaganda franquista calificábaos de bandoleiros, ladróns e delincuentes, cando sabían perfectamente que non eran máis que soldados da República. Irregular, si, pero un exército ao fin e ao cabo que loitaba para recuperar a democracia en España e reclamar a atención das nacións aliadas para que botasen abaixo a ditadura. Cantidade de xente morreu nesa loita.
—En que papel deixou a historia —digamos, hexemónica, coñecida— o papel desta loita guerrilleira e os seus integrantes? Que discurso imperou?
—Desapareceron. Realmente a ditadura nunca recoñeceu esa loita. Cando había algún tipo de acción súa contra os franquistas esas noticias nunca saían nos medios, só se coñecían no seu radio de actuación. Para o sistema, eran delincuentes, e unha vez desapareceron, foi con tódalas consecuencias.
—Fala no texto de que os guerrilleiros foron, «eternos perdedores». Eles creron posible un cambio, pero nunca chegou.
—Nun primeiro momento escaparon ao monte para non ir á guerra, e por medo a que a represión se cebase con eles. Pensaban que serían dúas semanas ou un mes, pero tiveron que permanecer alí durante anos. Ao ver que non podían reintegrarse na sociedade foi cando se radicalizaron e organizaron para loitar contra os seus perseguidores.
—Que papel xogou a Costa da Morte nas guerrillas?
—Non tivo moito protagonismo, pois déronse máis no interior. Aínda así, houbo algún acto guerrilleiro, como cando a partida que estaba en Ordes se desprazou a Vimianzo e atacou o cuartel da Garda Civil. Ademais, nun bar da mesma localidade houbo un enfrontamento entre un garda e un guerrilleiro e acabaron ambos mortos. Houbo algo tamén pola zona de Ponteceso e Malpica, pero non demasiado.
—Ten escrito moito sobre os represaliados na comarca, e estes días, logo da homenaxe dos camariñáns asasinados, falaba do silencio e da revisión do pasado, para dignificar.
—Os que mataron en Camariñas eran persoas normais que o único que fixeron foi protestar contra o golpe de estado, contra os que se alzaron contra a legalidade republicana. Só por iso, e sen ter agredido a ninguén, matáronos. Durante moitísimos anos, mesmo dentro da nosa democracia, foron esquecidos. E eles non merecían ese olvido: para outros serían heroes.
—Hoxe, na Fundación Paidea da Coruña, ás sete e media da tarde, terá a primeira presentación deste novo libro. Quen o acompañará?
—Pois estarán comigo o xornalista Cándido Barral e o intelectual e político Antonio Campos, dúas persoas moi coñecidas na zona da Coruña.
—E que hai da Costa da Morte? Algún acto público previsto para esta comarca?
—Estamos intentando organizar un en Corcubión para dentro de quince días, e penso que haberá tamén en Vimianzo, xa que foi un dos lugares nos que efectivamente houbo accións da guerrilla, pero aínda non hai fecha.