
« (...) A oportunidade de darlle voz na radio e a invitación por parte de Xosé María Varela a oír unha regueifa en Borneiro, situoume de repente enriba dun escenario con cinco regueifeiros (...). Ata chegar a esa primeira regueifa pasei moitas horas coplando, con moitos ensaios improvisados, risas (...)»
30 dic 2021 . Actualizado a las 23:57 h.Eu nacín en Montecelo
de familia con «solera»
son de Blanco e da Muiñeira
e así canta calquera…
Hoxe tócame facer reflexión de todo o vivido neste ano e teño que empezar cunha copla porque é o mellor xeito para describirme. Empecei de ben nena a tocar a pandeireta, e non por obrigación, senón por vocación… Xa o dicía meu tío Santiago o Ferreiro…: «Que esta nena non se malve»... E aí vamos! O que de novo cantou ben, aínda de vello lle dá xeito.
Podería dicir que mamei a regueifa desde nena, que na miña casa se cantaba moito e que levo anos sabendo improvisar en verso. Quedaría bonita a historia pero non foi así o caso. Cando meu bisavó Blanquiño morreu, eu era moi pequena e só teño a imaxe na mente dun home maior en cadeira de rodas ao que subiron ó palco da Festa da Pataca para facerlle unha homenaxe.
Aquel momento si que o recordo, por iso… recordando… decidín crear una páxina no Facebook á que lle chamei Regueifando pola vida. Nin tan sequera quería que a xente soubera que era eu a que escribía. Foi feita para rir sobre cousas do día a día, que sempre fai falta rir! E mira ti, aquí andamos, nunca mellor dito, con máis de dous mil seguidores e medio millón de visitas nalgunha publicación.
A oportunidade de darlle voz na radio e a invitación por parte de Xosé María Varela a oír unha regueifa en Borneiro, situoume de repente enriba dun escenario con cinco regueifeiros. Aí non me quedou outro remedio que saír do paso botándolle peito. Aquel día recordareino como a miña primeira regueifa, na que despois de tres horas que me pareceron poucas, cheguei toda orgullosa á casa co meu bolo de pan de ovo como premio.
Ata chegar a esa primeira regueifa teño que recoñecer que pasei moitas horas coplando, con moitos ensaios improvisados e moitas risas. Rimaba sempre coas mesmas palabras, empezaba do mesmo xeito e non tiñan sentido ningún. Está claro que un non nace aprendido, que hai que pelexar e ir collendo vocabulario ata traballar con soltura no que un quere dicir.
A partir dese día todo foron novidades e momentos que na vida pensei disfrutar. Sempre había alguén dicíndome que todo era posible e que se seguía por este camiño, lograría poñer a regueifa onde se merece. Recordo que na páxina fixen unha copla na que Trump pedía que Lupe Blanco dera o pregón da festa da pataca, e fixéronlle caso! Iso si que foi grandioso en Coristanco, volver a escoitar a regueifa que tantos anos soou na festa e por riba cantada en voz de muller. Recalco o de muller porque de todos é sabido que a regueifa foi sempre cousa de homes, e que estaba coma mal visto unha muller na taberna regueifando ou subida nun palco, aínda que eu, debo dar as grazas de todo corazón a tódolos regueifeiros que cantaron comigo, empezando polo Fariñeiro de Cabana, que me «levou» con moito xeito na primeira regueifa, ata Suso e Antonio, os mestres nos que me fixo para chegar a ser tan boa coma eles.
E vouno decir agora
cantado á miña maneira
non che hai mellor cousa
que me chamen regueifeira
Neste primeiro ano quedo co recoñecemento da xente cando me din que volve rexurdir a regueifa, e coa emoción que en moitos provoca volver sentila. Algo debe funcionar ben se a miñas sobriñas queren ser regueifeiras!