A finais do século pasado, os veciños desta freguesía coristanquesa decidiron levantar unha nova igrexa ante o abandono da antiga, pola necesidade de ter un centro de culto propio
04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Na estrada que vai dende San Roque ata Cereo, en Coristanco, no seu tramo final atópase a man dereita o lugar de San Xusto, presidido dende a distancia pola espadana-campanario da antiga igrexa, que remarca na paisaxe a súa presenza. No século XX, esta freguesía pasou de ser matriz de Verdes a quedar suprimida e engadida a San Paio de Coristanco, deste mesmo xeito, os cultos no seu pequeno templo reducíronse só aos días de festa. O crecente estado de abandono fixo que os veciños decidisen crear unha nova igrexa na década dos anos 70 do século pasado, onde poder celebrar a misa de forma regular e onde acoller as imaxes do santoral, tan apreciadas polos fregueses.
Carecese de moitos datos sobre a igrexa antiga, xa que os libros de contas extraviáronse, polo tanto, a información que se ofrece a continuación foi extraída dos libros da confraría do Santísimo Sacramento. A igrexa vella de San Xusto presenta unha planta semellante á de Castro, xa que conta con unha nave rectangular única orientada leste-oeste, a que se engade un presbiterio e sancristía de aspecto cadrado. O conxunto foi cuberto cun artesoado de madeira de castiñeiro, que tivo que ser renovado en 1840. A principios do XVIII posiblemente se realizase o antigo retablo maior, hoxe desaparecido, que segundo fotos antigas era de columnas salomónicas policromadas de cores vivos, onde estaban situadas as imaxes que agora vemos na igrexa nova (o retablo actual é obra dun carpinteiro da parroquia): san Xulián, a Virxe do Socorro, san Xosé e san Bernardo (rebautizado polos fregueses como san Benito). No ano 1763-64 e en 1766, as imaxes do patrón da parroquia e da Virxe do Socorro foron repintadas e arranxadas.
A pequena igrexa contaba, tamén, con dous retablos colaterais realizados no ano 1770 por Antonio de Meis, escultor que residía na parroquia de Entrecruces. Este artista, entre outras moitas obras na zona, é o autor dos retablos do Carme e san Roque da veciña freguesía de Valenza. Ante a escaseza económica das arcas parroquiais, estivéronse pagando estas dúas pezas ata o ano 1783, data na que foron pintados por 128 reais. A decoración pictórica foi completada totalmente no ano 1799, polo pintor Miguel do Mato. Estes dous retablos estaban dedicados respectivamente ao santo Cristo e a Virxe das Dores, que foron colocados deste mesmo xeito na igrexa de Rececinde. As imaxes posiblemente foron talladas pola man de Antonio de Meis, xa que no mesmo ano 1783, aparte dos gastos emanados da feitura dos retablos, tamén se gastaron 99 reais nunha perruca para o Cristo e 18 no pagamento duns ollos de vidro para a Virxe. Toda esta variedade de imaxes foi recollida no inventario da visita pastoral de 1791, aínda que quedaron sen citar dúas imaxes pequeniñas contemporáneas das outras: a efixie de san Antonio e a de san Ignacio (hoxe colocada enriba da porta principal da igrexa nova, acompañado de dous anxos procedentes dos antigos retablos). A adquisición deste último santo, moi pouco común nesta comarca, pode deberse que a mediados do XVIII estivo nesta freguesía como párroco Ignacio Vázquez Baamonde, que ademais chegara a ocupar o posto de arcipreste de Bergantiños; seguramente, quixo contar na súa igrexa co santo da súa onomástica. O nome deste sacerdote figura tamén na inscrición do pé do cáliz, adquirido durante a súa presenza en San Xusto: «Soy de la feligresía de San Julián de San Justo siendo cura D. Ignacio Vázquez, año 1745».