José Vicente Formoso, Triki: «Somos un club un pouco distinto»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

DUMBRÍA

LAURA MARTELO

O muradán aposta por aproveitar o tirón da Volta a España para atraer turismo

11 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

José Vicente Formoso (Muros, 1970) é Triki. Amante do deporte dende neno, nin unha caída na bicicleta da que preto estivo de saír sen perna fixo que abandonase a súa paixón. Agora compaxina a súa tenda en Muros co seu traballo en prol das dúas rodas en Dumbría, ao que lle hai que sumar o Triki Team, equipo co que un grupo de rapaces da vila buscan crecer da man do deporte.

-Por que crearon o Triki Team?

-Foi dunha forma un tanto familiar. Éramos uns cantos pais e os seus fillos que cadrábamos nas carreiras. Daquela non había club en Muros e, nunha conversa en Noia, Iván Sanmartín animounos a federarnos. Démoslle para diante. Os rapaces adestran dous ou tres días á semana, segundo a marxe de tempo que teña. Márcolles unhas pautas e os resultados van chegando.

-A meta vexo que non é só competir, senón que o pasen ben.

-A base é que fagan deporte. Entre todos os que estamos no equipo hai moi boa química e optamos porque non sexa só competición. Cando nos desprazamos para unha proba buscamos aproveitar a fin de semana, facer turismo, unha excursión polo monte. Sempre xuntamos esas cousas. Non só correr e vir para a casa. Queremos aportarlles algo máis. Dentro disto hai nunhas idades, cando van chegar á adolescencia, que son máis complicadas e é difícil manter o ánimo dos nenos para que sigan. Desta maneira fan piña e iso axuda a queiran vir. Incluso cando non lles toca nin competir.

-Vostede, a maiores, aínda lle pega á bicicleta.

-Sempre fixen ciclismo. Tamén duatlón, BTT, atletismo, pero sobre todo estrada e cilocrós. Levo dez anos de técnico de ciclismo no Concello de Dumbría. E alí pasou o mesmo, que empezamos cun grupo de nenos e nenas e foi aumentando. Tamén corro na categoría veterana en ciclocrós. É algo que sempre me tira. Sempre mantiven o vínculo coa competición.

-Cal é a súa función en Dumbría?

-No seu momento contratáronme para arrancar con todo. Non había ciclismo e querían facer unha escola, un club cicloturista. Así comezamos e despois fomos facendo actividades, campionatos de ciclocrós. Posteriormente arrancamos co Gran Fondo do Ézaro. Fomos ano a ano. Despois veu a Volta a España e aproveitamos ese tirón. O Concello está moi enriba do deporte. O alcalde considera que é un vehículo moi positivo para a dar coñecer a comarca, no só o municipio.

-Pena desta última Volta, sen apenas público. Sen ninguén na subida ao alto do Ézaro.

-Certo, eu quedei cas gañas de repetilo, pero en condicións viables, con público, porque ía ser espectacular coa xente no final do Ézaro, iso na televisión ía ser espectacular. Desta maneira quedou como un pouco coxo.

-É certo.

-É moi importante unha proba así, tanto en Carnota como en Muros o viron. É unha inversión rendible, o retorno é moi superior con respecto ao diñeiro que aportas. É unha cita que se observa en moitos países, con moita imaxe aérea de paisaxes que poucas veces se ven así. Por moito que se faga un vídeo e se mande a Fitur, a Volta ten máis alcance mediático. E tes o engadido do boca a boca, xente que igual vén só ata aquí para facer o mesmo percorrido que os profesionais.

-Nos lugares icónicos do ciclismo acontece moito.

-Si, como no Angliru, que a xente á que lle gusta leva incluso á familia para pasar a fin de semana. Veno e din, «pois para o ano vou ir eu». En Dumbría está claro que funcionou, porque grazas a iso medrou a hostalería. Antes había uns cantos bares e agora o pobo vive do turismo. E iso é extensible ao resto de concellos cun pouco que o saiban aproveitalo. Hai que sacar partido do tirón que che está dando o Volta.

-Co choio que ten, como fai para ter tempo?

-Ese é o motivo polo que non podemos meter máis nenos. A veces pídenmo, pero non teño horario fixo, non podo ter un compromiso en firme. No mo permite o traballo, hai días que acabas ás nove e xa non hai tempo a nada. Os nenos que teño comigo son todos veciños, coñezo aos pais e hai confianza. Hai días que xunto na casa a once rapaces. Pero iso non podería facelo con 30 ou 40. Ademais, os pais teñen os seus horarios.

-E co covid, que tal o levan?

-A pesar de que apenas hai probas máis que as oficiais das federacións, os rapaces sempre estiveron adestrando. Teñen rutinas e é importante non abandonalas. O noso plantexamento é que se non hai probas creámolas nós. Cada fin de semana marcámoslles un reto, un obxectivo. É clave para que manteñan as ganas. Somos un club distinto, pero podémonolo permitir.