Bieito Romero: «O Festival Vákner de Dumbría pode ser memorable»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

A VIVA VOZ | Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano ou Carlos Goñi actuarán o 28 no Conco

20 may 2022 . Actualizado a las 15:22 h.

O resucitar do monstro Vákner está traendo boas novas á Costa da Morte. O Conco, en Dumbría, acollerá o sábado 28 de maio o primeiro Festival Vákner, colofón a unha xornada que se iniciará pola mañá coa entrega dos premios dos certames literarios de La Voz e a descuberta da escultura desta criatura coa que, segundo relatou o bispo armenio Mártiros de Arzendjan, se topou polos montes de Dumbría cando peregrinaba ao fin do mundo. Ano 1493. O Festival Vákner é de balde, mais cómpre retirar entrada por aforo. A inicios deste mes, ían máis de mil dispensadas. Musicalmente, será a primeira vez que coincidan no escenario tres grandes artistas da música contemporánea en conxunción con Luar na Lubre, que é o eixo: eles son Víctor Manuel, Ismael Serrano e Carlos Goñi.

—Como ve o proxecto Vákner?

—Moi interesante, trata de poñer en valor unha zona a través dunha historia real, a do encontro do peregrino Mártiros e esa besta Vákner que el describe, e que despois do simposio celebrado no seu día se estimou que debía ser un lobishome. O proxecto reforza o poder de convocatoria que ten o Camiño e ciméntao nas historias antigas. Insisto, unha historia, non unha lenda. As comparacións son odiosas, pero se en Escocia o monstro do Lago Ness arrasa, sen acabar de saber exactamente o que é, o Vákner pode ter moito potencial se se enche de contido e continuidade.

—Aí están eses certames literarios para nenos e adultos.

—É unha das mellores formas de poñer en valor ás dúas figuras, a do peregrino e a deste monstro. Unha historia que está aí, e moi ben recuperada. Logo, que cada un narre coa súa imaxinación... pódense crear moitas historias. 

—No seu último disco, «Vieiras e vieiros», teñen unha peza titulada «Vákner». Como foi o proceso?

—Pepe Formoso trasladoume unha historia que me pareceu fascinante e convidoume a ese simposio en Dumbría sobre o Vákner. Propuxéronme facer a música dun vídeoclip que recollería en imaxes a historia do bispo. Musiqueina co grupo e, ao mesmo tempo, decidimos incorporala no noso 19.º disco, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, en dúas versións. Unha longa, instrumental, a que acompaña o vídeo do Concello de Dumbría, e outra cantada. Unha historia á que lle puxen letra e que ten moita repercusión, sobre todo fóra de Galicia. Cando contas isto, alucinan. Está inspirada nas músicas tradicionais de Armenia, é unha combinación dos nosos sons e instrumentos cos ritmos de alí, sobre todo percutivos, gaitas graves...

—Que pode avanzar do concerto?

—Luar na Lubre terá como convidadas a dúas persoas coas que xa temos colaborado en varias ocasións. Víctor Manuel, un dos cantautores máis representativos da canción de autor en España; e Ismael Serrano, outro dos cantautores máis relevantes en activo. Por vez primeira colaborará con nós Carlos Goñi, líder de Revólver, que neste caso cantará a canción do Vákner xunto con Irma Macías, a nosa vocalista. Goñi é unha grande figura do pop, forma parte da historia musical do país, un home cargado de sabedoría. Por tanto, un concerto completo que se redondeará coa participación de talento local: Alexandra Suárez, voz marabillosa de Dumbría, e os gaiteiros de Buxantes, banda fantástica que abrirá o festival. Falamos, pois, dun evento histórico e, se o tempo nos acompaña, que é o que hai agardar agora, seguramente será memorable tamén.

—Luar na Lubre saldará con Dumbría unha débeda: non tiñan actuado alí ata o de agora.

—Si, creo que é o único concello da Costa da Morte que nos faltaba. Con este festival entramos pola porta grande, e encantados de ser protagonistas nun evento tan importante como é a recuperación da historia desta besta que, coa escultura de Cándido Pazos, quedará para sempre no Marco Couto, o lugar no que se bifurca o Camiño de Santiago cara os confíns da terra, cara Muxía e Fisterra. Non é cousa menor.

Pruebas de acoplamiento para el Vákner. El 28 de mayo se descubrirá en Dumbría la escultura del Vákner.
Pruebas de acoplamiento para el Vákner. El 28 de mayo se descubrirá en Dumbría la escultura del Vákner.

—Unha recuperación, dise sempre, con vocación comarcal.

—Pequeño [alcalde de Dumbría] fala sempre desa confraternidade entre concellos. O Territorio Vákner abarca moito máis que o propio mostro, e este festival nace con vocación de continuidade, coa idade de convertelo en algo que non só sexa de Dumbría, senón un nexo de unión entre estes territorios de irmandade.

—No caso de Luar na Lubre, será un concerto, sobre todo, centrado nese último traballo discográfico?

—É co que estamos facendo a xira nestes momentos, pero un concerto especial coma este require recuperar cousas, unha maior extensión do noso repertorio, moi amplo logo de 36 anos. A idea é centrarnos en Vieiras e vieiros, porque estamos no Camiño, en Dumbría, un lugar histórico, e ese disco ten que ter protagonismo, mais tamén van estar clásicos case obrigados e incluso recuperaremos temas que había tempo que non tocabamos, algúns relacionados co Camiño.

Cando, onde e entradas

Sábado 28 de maio, 21.00 horas, O Conco (Dumbría). Acceso de balde, pero necesaria retirada de entrada (son nominais), en ataquilla.com ou ben nas oficinas do Concello dumbriés.