A ceense Ainhoa Conde gaña o segundo certame Territorio Vákner para adultos

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MAR CASTRO

Promove este concurso La Voz, co patrocinio do Concello de Dumbría. Os primeiros premios da modalidade escolar quedan en Dumbría e en Cee 

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto a segunda edición do certame literario Territorio Vákner para adultos como a terceira de ámbito escolar, xa teñen resolución. Na primeira das modalidades resultou este ano gañadora a ceense Ainhoa Conde Castro. Ela, baixo o pseudónimo de Versatalia, é a autora do texto que mereceu a maior valoración por parte do xurado, e que titulou Querida Catalina. Impúxose a case unha trintena de obras chegadas dende dentro e fóra de Galicia, tal e como rebelou a apertura de plicas. O segundo lugar, co texto Nos ollos pétreos do Vákner, é para a vimiancesa Natalia Lema Otero, de Baíñas, baixo o pseudónimo Navegar no deserto. Ela fora a gañadora da pasada edición deste concurso, no que Ainhoa Conde obtivera un oitavo posto. Dende Ourense, por outra banda, escribiu Ana Isabel Rodríguez Vázquez o seu relato, Cicatrices de herdanza, merecendo o terceiro premio desta convocatoria literaria.

Na súa modalidade escolar e tamén na de adultos, Territorio Vákner é un certame promovido por La Voz de Carballo co patrocinio do Concello de Dumbría. Este ano estreábase a dotación económica que, a maiores doutros agasallos, levarán os galardoados: no caso dos adultos, 2.000 euros para o primeiro posto e 1.000 para o segundo. O xurado, integrado pola escritora Concha Blanco, o docente e escritor Valentín Alvite, o profesor xa xubilado José Antonio Viña, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco, tiñan a misión de seleccionar, no caso dos adultos, os dez mellores traballos. Deses, os tres primeiros, os de Ainhoa, Natalia e Isabel Rodríguez, serán publicados nas páxinas do xornal en horas previas á entrega de galardóns, cerimonia prevista para despois do verán.

Tanto Ainhoa como Natalia teñen xa obra publicada, e tamén entre os restantes sete autores galardoados hai plumas de ampla traxectoria, con libros varios nas librarías e, nalgúns casos, abondosos galardóns. Así, xunto a estas tres mulleres completaron o podio do certame de adultos, por esta orde, Rocío Leira Castro (Cee), Sara Caride Blanco (Cambados), José Carou Rey (Rianxo), Fernando Patricio Cortizo (A Laracha), Xosé Antonio Andrade Figueiras (Coristanco), Jesús Rodil Rodríguez (A Coruña) e Ramón Caride Ogando, tamén de Cambados.

Primeiro premio

Ainhoa Conde Castro (Cee), polo relato «Querida Catalina».

Segundo premio

Natalia Lema Otero (Baiñas, Vimianzo), polo relato «Nos ollos pétreos do Vákner»

Natalia Lema Otero
Natalia Lema Otero ANA GARCÍA

Terceiro premio

Ana Isabel Rodríguez Vázquez (Ourense), por «Cicatrices de herdanza».

Cuarto premio

Rocío Leira Castro (Cee), polo relato «Vákner 4.0».

Quinto premio

Sara Caride Blanco (Cambados), polo relato «Fin do camiño».

Sexto premio

José Carou Rey (Rianxo), polo relato «O grilar dumbriés».

Séptimo premio

Fernando Patricio Cortizo (A Laracha), polo relato «A lenda do lobo vikingo».

Oitavo premio

Xosé Antonio Andrade Figueiras (Coristanco), por «As augas do medo».

Noveno premio

Jesús Rodil Rodríguez (A Coruña), polo relato «O día da noite».

Décimo premio

Ramón Caride Ogando (Cambados), por «Calquera historia ten voltas».

Os primeiros premios do concurso escolar, para Dumbría e para Cee

Preto de 200 textos chegaron para o certame de contos de misterio Territorio Vákner dirixido a ámbito escolar, e no cal podían concorrer centros de todo o Camiño a Fisterra e Muxía. Había dúas categorías, primaria e secundaria. Neste caso, o xurado, integrado polas mesmas persoas que para adultos, debía seleccionar cinco textos de cada un deses apartados. Finalizada a lectura e coa media das puntuacións, resulta que tanto o primeiro premio de primaria como o de secundaria son da Costa da Morte.

Así, na primeira das categorías, foi A bruxa e o Vákner, de Mireia Traba Ronquete, alumna do CEIP Santa Eulalia de Dumbría, o que se fixo coa maior puntuación. No caso de secundaria, ocupa o primeiro posto do podio Inés Liaño Carvalho, estudante no Manuela Rial Mouzo de Cee, polo seu texto As aparencias enganan. Tamén este ano se estrea dotación económica neste certame escolar, que é de 750 euros para os centros (1.500, pois) nos que estudan as dúas rapazas galardoadas. Os dez textos seleccionados polo xurado nesta convocatoria para alumnado —chegados do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, do colexio Manuel Peleteiro de Santiago e do instituto Xulián Magariños de Negreira — serán publicados en La Voz antes do acto de entrega de premios.

Primeiro premio

Inés Liaño Carvalho (Manuela Rial Mouzo de Cee), polo conto «As apariencias enganan».

Segundo premio

Pablo Casais Lado (Manuela Rial de Cee), por «Un día de excursión».

Terceiro premio

Gaizka Lago Elorza (Manuela Rial de Cee), por «A visita».

Cuarto premio

Iván Lago Vigo, do Manuela Rial, por «Soño ou premonición».

Quinto premio

Clara Plata Míguez, do Xulián Magariños de Negreira, polo texto «Non te librarás».

Un concurso para darlle dimensión literaria ao Camiño e ao Vákner

O Camiño de Fisterra e Muxía foi legado á posteridade por multitude de manifestacións literarias e históricas. Algo que pode e debe seguir tendo continuidade no patrimonio colectivo en forma de novas creacións, de aí que La Voz promova este concurso. Iniciativas que, sobre esta base, pretenden doutro lado, e con non menos importancia, darlle dimensión literaria ao feito histórico documentado no 1493, cando o bispo armenio Mártiros de Arzendján relatou terse enfrontando en montes de Dumbría ao monstro Vákner. Loce a modo de escultura no Marco do Couto. Dumbría é Territorio Vákner.