Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Modesto e Nieves García: «O Pindo ten un porvir moi elevado»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MARCOS MÍGUEZ

Dumbrieses, pai e filla, veñen de publicar unha completa obra sobre o Monte do Pindo. Presentarana en primicia 

15 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Agroman nesta recta final de ano novidades literarias. É o caso de O Monte do Pindo ao descuberto: rutas e lendas, de Modesto García Quintáns e Nieves García Centeno, ambos dumbrieses. En Dumbría, e máis concretamente no Edificio Bitácora de O Ézaro, darán a coñecer en primicia esta obra o vindeiro sábado 23 de decembro, ás 19.00. Santiago ou A Coruña serán próximas paradas. Edita Toxosoutos e rubrica o prólogo Fernando Alonso Romero, catedrático de historia na USC. Falaron Modesto e Nieves en Radio Voz.

—Modesto, enxeñeiro topógrafo e habitual colaborador de medios. Nieves, xornalista e historiadora. Son pai e filla. Como levaron escribir a obra a dúas mans?

—[Nieves] Foi moi sinxelo poñerse de acordo, toda esa información xa se fora recollendo durante anos por parte de meu pai. Sacou pequenas doses nalgún medio, pero foi a raíz da pandemia, xuntos, traballando mesa a mesa, cando el dixo: ‘Teño todo isto, que podemos facer?’. Decidimos darlle unha voltiña, facelo máis completo, engadindo cousas de historia, datos... Completo e bonito, gustounos traballar niso. Buscamos editorial e Toxosoutos dixo que si desde o minuto un.

—Concorda Modesto con Nieves?

—[Modesto]. Neste tema estivemos os dous moi de acordo. Nieves decidiu ordenar todo o traballo que tiña eu espallado logo de tantos anos percorrendo o Monte do Pindo, que eu considero unha mina sen explotar turisticamente. Se a quen lle corresponde o sabe levar, ten un porvir moi elevado. Hoxe está de moda o sendeirismo, estar en contacto coa natureza, e o Pindo recolle todo iso.

—A cando se remonta o proceso de documentación para a obra?

—[Modesto]. O Monte do Pindo chegueino a coñecer tarde. Víao de lonxe, eu nacín nunha aldea de Buxantes, Vilar, e chamábame a atención aquel pedregal que había ao fondo, tiña algo especial. Daquela ía andando e quedábame lonxe. Tocoume ir ao ter que reconstruír a rede xeodésica do Instituto Geográfico. Destináronme aquí. Traballei por Castela e crearan delegación, o edificio de Novos Ministerios de Elviña, pódome considerar o primeiro funcionario que entrou nese inmoble. Nesa reconstrución da rede xeodésica da provincia, un dos primeiros traballos foi ir ao vértice do Pindo. Foi aí, cando eu coñecín o monte.

—A pesar de telo visto sempre.

—[Modesto]. Si, si, pero nunca tivera a ocasión de pisalo. Logo, mira que cousas, nun día tiven que subir tres veces para dirixir a obra.

—Tense escrito moito sobre o Pindo, pero esta publicación semella que o completa todo.

—[Nieves]. O Monte do Pindo está tendo ultimamente cariño editorial, e iso agradécese moito. Pero neste libro, e por iso levamos a palabra descuberta ao título, debullamos todos os puntos, mesmo cada un deles podería dar para un volume. Hidrografía, xeografía, historia, lendas, petóns destacados... Hai cousas inéditas, como no caso da toponimia, referenciado ademais en coordenadas UTM. Inédita é tamén a Ruta dos Muíños, que estaba completamente tapada, e que se suma á das pescantinas, ás covas e refuxios... Sitúanse todas, con fotos. Un mapa a cor recolle todos eses itinerarios. Por iso é moi completo.

—Referencian clave a toponimia.

—[Modesto]. Si, porque se está perdendo, en todas partes, pero no Pindo máis aínda ao ser agora un monte illado, dende que prohibiron ter o gando nel e se repoboou de pinos unha barbaridade.

MARCOS MÍGUEZ

—Senten especial algunha ruta?

—[Nieves]. A min gústame moito ir a Peñafiel, para chegar ao curuto case acabas gateando. Ten puntos moi destacados, o Leito matrimonial, a cadeira da raíña Lupa...

—[Modesto]. Todas as rutas teñen unha paisaxe bonita, pero para min digamos que A Moa é o punto de encontro. Gustaríame, iso si, que se recuperase unha, a ruta das pescantinas que ían co peixe a Arcos, unha ruta curta, práctica e cómoda, que une a ponte do Ézaro co Fieiro, pero que está case desaparecida. Só habería que investir algo en limpar o camiño.

—Aínda pode quedar algo por descubrir no Pindo?

—[Modesto]. Cada vez que vas ao monte descobres cousas, pero o problema é que non tes quen che explique. A xente maior que antes ía ao monte coñecía todos os recunchos, pero os mozos agora non. Falta saber o porqué, o como.

—Que lle falta a este espazo para a súa posta en valor? Son partidarios do Parque Natural?

—[Modesto]. Sen entrar en cuestións políticas, o que creo é que ese monte habería de aproveitarse turisticamente, arranxar os camiños, sinalizalos para que non haxa perda, coidalo, dalo a coñecer... É unha mina para o sendeirismo. Mira o que pasou coa cascada do Ézaro, hoxe hai xente cada día.

—[Nieves]. Todo o que se faga por recuperar e protexer está ben. A sinalización foi mellorando, hoxe non é o mesmo que hai quince anos, pero queda moito por facer para darlle esa connotación global, protexer todo ese contido que precisamente se aborda no libro. Todos miramos para o Pindo, crea unha fascinación incrible, pero no fondo está alí un pouquiño abandonado. Percorrémolo contentos, pero debería ter máis protección por parte de todas as Administracións.