Os premios Territorio Vákner afianzan o futuro para a escrita: «Cada obra vosa engade patrimonio cultural»

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

A gañadora Natalia Monje, recollendo o seu galardón de mans do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela.
A gañadora Natalia Monje, recollendo o seu galardón de mans do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela. Basilio Bello

O Concello de Dumbría e La Voz de Galicia entregaron os galardóns dos dous certames literarios deste 2024

10 nov 2024 . Actualizado a las 00:25 h.

Un monstro recollido nunha crónica do bispo armenio Mártiros a finais do século XV, o levedar de espírito ao que dá pé o Camiño de Fisterra e Muxía e o poder da lingua galega. Con enxeño, empeño e visión de futuro, son estes os tres ingredientes que o Concello de Dumbría puxo na base dunha particular forma de dinamización cultural na que se inxiren os certames literarios Territorio Vákner. Dous concursos promovidos conxuntamente con La Voz de Galicia —escolar e maiores de 16 anos—, dos que este sábado se entregaron os galardóns correspondentes ao 2024.

A coruñesa Natalia Monje, co relato Bring your spirit down!, encabezou o premio de adultos. Nuria Quintela, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, e Adriana González, do IES Rosalía de Castro de Santiago, fixeron o propio en primaria e secundaria. Agasallos, diplomas, e 4.500 euros de dotación total para este certame cuxa entrega de premios reuniu este 9 de novembro a boa parte dos alcaldes e edís do finis terrae, ademais de autoridades diversas. Non podía ser doutro xeito, non se podía faltar, afirmou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, sendo a Costa da Morte, como acreditaron as últimas enquisas, a comarca máis galegofalante de Galicia.

BASILIO BELLO

«A literatura, a escrita, é unha ferramenta poderosa, axúdanos a crear conciencia crítica e permítenos explorar novas ideas, comprender distintas perspectivas, conectar coas nosas emoción máis profundas», afirmou María Rivas, subdelegada do Goberno.

BASILIO BELLO

«Este certame é unha homenaxe á nosa historia, folclore e misterio. Ao Vákner, esa figura que durante séculos alentou o imaxinario popular». Foron estas as palabras de Raúl González, alcalde de Dumbría, feliz de que tanta xente quixese entregar un «tempo de vida» a reunirse en torno a un concurso literario saído do maxín do exalcalde José Manuel Pequeño. Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, acompañaron este encontro que puxo fin, por este ano, a dous certames que pretenden o espertar da imaxinación e agrandar a literatura do Camiño. Chegaron máis de 170 textos, de Santiago, Ames, Cee, Muxía, A Coruña, Vigo, Arteixo, Ourense, Camariñas, Outes, Cambados, Porto do Son, Laxe, Allariz, A Pobra, Muxía, Negreira e, por suposto, Dumbría.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

«Cada obra vosa engade patrimonio»

A literatura galega ten futuro asegurado. Talento infantil, mozo e adulto, ese que se deu cita no Conco para recoller os galardóns dos certames Territorio Vákner. Raúl Gonzalez, alcalde, chegou cargado de agradecementos para presentes, artífices e colaboradores. Falou de identidade, de que o legado segue vivo, e cando pronunciou estas palabras pouco podía imaxinar que todo iso chegaría de volta, efectivamente moi vivo, nunha obra de etnoteatro capaz de irromper [estaba pactado] no discurso da premiada Natalia Monje. Teresa, Sara e Caridad, Teté Teatro de Salto-Vimianzo, levaron á Santa Compaña e ao mesmísimo Vákner ao Conco. E ata levantaron a paletilla en directo!

BASILIO BELLO

Quedará como unha fermosa lembranza deste acto, das que espertan sorrisos, e se todo sae como onte pintaba, de Dumbría marcharía Teté con varias propostas por diante. En efecto, a xornada deu moito de si. Monje, gañadora na modalidade de adultos, manifestouse «admirada e emocionada»: «Irradia aquí unha corrente literaria, unha posesión (...). Os mitos, como o Vákner, están case máis presentes cando non están». O Vákner, friki e mesmo outsider, ten unha morea de seguidores séculos despois, discípulos capaces de entregarse a el un sábado pola mañá: «Celebro esa figura á rareza, celebro as nosas estrañezas. Viva o Vákner!».

«A Costa da Morte, e o que hoxe facemos aquí, unha gran festa da cultura e da lingua, é un exemplo de como se cultiva e coida o máis valioso da nosa cultura, o noso idioma», dixera Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, gabando a promoción do galego na literatura de misterio e terror, obxecto destes certames. Non hai outro concello que fose quen de sacarlle tanto partido a un monstro como Dumbría, unindo ademais todo isto ao Camiño, «un dos nosos grandes tesouros». A crónica do bispo armenio Mártiros, finais do século XV, foi en palabras de María Rivas, subdelegada do Goberno, «o primeiro relato de misterio». Xentes, paisaxes, gastronomía e ata clima, «a primeira guía de camiños».

BASILIO BELLO

Xosé Luís Vilela, director de La Voz, deu un aviso. Quen entre nos relatos do Vákner queda posuído: «É a forma que ten de estar vivo». Vivo, pero espantado cuns estrondosos aplausos.

Todas as voces que se escoitaron no Conco felicitaron a iniciativa: «Neste mundo tan acelerado e de desafíos, a literatura pode ser refuxio de inspiración e coñecemento», afirmou María Rivas. Refrendouna Valentín González, presidente da Deputación: «A cultura é a mellor ferramenta para garantir a continuidade da memoria, da forma de vida e da forma de ser dun pobo. Estes certames falan moito e ben de quen os impulsa». Os relatos de Natalia Monje, Natalia Lema e Rocío Leira, autoras do tres textos de adultos máis puntuados, son proba dese poder da literatura. Tamén os dos dez escolares que recolleron os seus galardóns. 

A LISTAXE COMPLETA DOS GAÑADORES

ADULTOS

  • Primeiro posto | Bring your spirit down, de Natalia Monje
  • Segundo posto | O Vákner foi un Moscoso de Altamira, de Natalia Lema
  • Terceiro posto | Metáforas dun monstro, de Rocío Leira
  • Cuarto posto | O achado inquietante, de José Luis Barros Justo
  • Quinto posto | Metamorfose, de Abel Tomé Piñeiro
  • Sexto posto | A caza, de Xosé Alfredo Naz Fernández
  • Sétimo posto | Eu, o Vákner, de Javier Calvo Fuentes
  • Oitavo posto | Contacontos, de Ana Isabel Rodríguez Vázquez
  • Noveno posto | Orixe, de Ana María Gil Rey
  • Décimo posto | O medo, de Blanca Cid Bouzas

Educación secundaria

  • Primeiro posto | O influencer de Dumbría, de Adriana González Leira, do IES Rosalía de Castro
  • Segundo posto | Disque, de Carla Paz Martínez, do IES Ramón Caamaño
  • Terceiro posto | Vakaria e Nerio, de Gaizka Lago Elorza, do CPR Manuela Rial Mouzo
  • Cuarto posto | A vella e o Vákner, de Lara Caamaño Alvite, do IES Ramón Caamaño
  • Quinto posto | A lenda do Vákner e a lúa encantada, de Irene Fernández Capelo, do CPR Manuela Rial

Educación PRIMARIA

  • Primeiro posto | Sentimentos, de Nuria Quintela Fontenla, do CPR Manuela Rial Mouzo
  • Segundo posto | O Vákner chega a Dumbría, de Marina Andrade Fernández, do CPR Manuela Rial
  • Terceiro posto | Medo, de Nora Domínguez Rodríguez, do CEIP Vila de Cee
  • Cuarto posto | O Vákner, de Uxía Piñeiro, do Peleteiro
  • Quinto posto | A lenda do Vákner, de Iria Martínez Mosquera, do CEIP Agro do Muíño