«Cantareiras» deu o mellor arranque ao proxecto de recollidas #DumbríaEsTi

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

DUMBRÍA

Berdeogas acolleu este domingo o acto central das Letras no municipio, tributo ás voces locais

26 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun deses actos que o alcalde de Dumbría, Raúl González, cualificou de «máis bonitos» por ser «entrañables», botou a andar este domingo o proxecto #DumbríaEsTi. Tivo pois como arranque o acto central das Letras Galegas neste municipio, Cantareiras, un tributo ás voces locais personificado na figura de Estrela García, Estrela de Regoelle. A Casa Cultural de Berdeogas estivo plena, de xente e de ambiente de veciñanza, e foi aí onde tanto o rexedor como Ana Casais, técnica de Cultura, explicaron en que consiste #DumbríaEsTi. «É un proxecto ambicioso, non dun ano nin de dous», dixo o primeiro. «Sen présa, pero sen pausa», afirmou a segunda, dende o Concello moveranse polas parroquias para gravar aos maiores na procura de patrimonio inmaterial que se está a perder, coplas, vivencias, historias de vida. Gravalas vai ser o único xeito de legalas ao futuro, como un día fixo a suíza Dorothé Schubarth con Estrela de Regoelle, á que por certo situou en Mazaricos. Dumbría recollerá testemuñas como a de Juan, panadeiro, que saíu espontánea este domingo, un home que, contou dende o público, facía reparto a cabalo ata Baíñas, Berdoias, Suxo, Senande, O Ézaro ou o Pindo.

BASILIO BELLO

Tamén el se animou a cantar cunhas das protagonistas da velada, as ovacionadas cantareiras Devesa da Lúa, reunidas logo de quince-vinte anos sen tocar xuntas. Non semella tal. A preguntas da regueifeira coristanquesa Lupe Blanco, que conduciu o acto a base de improvisación oral moi aplaudida, explicaron unhas que aprenderan «dos nosos antepasados», mesmo «cun prato de porcelana», que as ruadas eran «nunha cuadra, os días santos» e que non había guion: «Botabas unha muiñeira, unha danza, según prestara así ía»: «Era o que había, non había outra cousa». As pezas que no seu día lles ensinou o profesor Javier tamén seguen vivas na súa memoria: «A garganta é a mesma. Dela para abaixo igual xa non. Temos valses, pasodobles, xotas, temos de todo».

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

O alcalde de Dumbría prognosticou con sorna «o rexurdir deste grupo xuvenil», e elas responderon seguras que «hai compromiso». Mesmo para atreverse co Luar, por que non. Tamén sonoros «bravos» arrincou dos presentes a actuación das cantareiras dos Gaiteiros de Buxantes, tres mozas que cantan dende nenas e que puxeron as ferreñas a ferver cunha peza recollida en Arcos, Mazaricos, e coa Xota de Santa Uxía (Dumbría). «Todo isto ten que quedar aquí, é a nosa cultura, a nosa historia. Temos que recollelo», afirmou o alcalde. Cantareiras e familiares de Estrela levaron de agasallo municipal o libro As voces da terra, distribuído o 17 de maio con La Voz.

«Temos a memoria de Dumbría, pura, na voz de Estrela», afirmou Ana Casais na homenaxe

«Estas Letras Galegas, dedicadas ás cantareiras, son as que máis de cerca nos tocaron a todos. Todos temos nais, avoas, bisavoas... As cantareiras non só conservaron cantigas, tamén lingua, memoria, cultura. No medio das cantareas, moitas ensinanzas que nos deberían servir para o día a día, se as sabemos escoitar», expresou a técnica Ana Casais. Foi ela, ademais dun vídeo con audios recollidos por Dorothé preparado para a ocasión, quen fixo unha sentida descrición de Estrela de Regoelle.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Capaz de botar o día cantando sen repetir repertorio, cando Schubarth chegou a ela non tivera aínda influencias doutros modos de ocio nin entretemento, tampouco a televisión: «Temos a memoria de Dumbría, pura, na voz de Estrela», dixo Ana Casais. Entre o público, netos como Lidia Aguilar, bisnetos e tataraneta, para quen os presentes tiveron aplausos.

«Mulleres bravas e valentes», dixo do seu lado Lupe Blanco das cantareiras. A base de regueifa loou a súa defensa «do noso», da «identidade», verdadeiras «enciclopedias», «sen competencia na pandeireta», xuntas, xustas merecedoras dunha «semente» como as cantareiras de Buxantes. Coma sempre, tivo a coristanquesa coplas para o alcalde, ao que lle faltou acabar de dar o paso nas «areas movedizas da regueifa», e para a oposición. Con todo o anterior, hora e media de orgullo para Dumbría.