Bauticeime no Canto, cerca das 12 millas do Cabo Fisterra, a bordo do Barquita. Fun neno gransoleiro e home cando regresei. ¡Buff?, o Gran Sol, moitos anos, con tan poucos! Traballei no banco sahariano, na baixura da plataforma, en moitos barcos: Cita en la mar, Barquita, Melanie, Babino, Siempre Baluarte?..
Hoxe son peixeiro, e ben sei canto vale o peixe. O peixe debería custar en función do que vale sacalo. Non todo é igual. Hoxe arríbase todo nos grandes portos, as pequenas lonxas minguan. Preténdese vender peixe sen significado. Non é que falte conciencia, falta explicalo. Falta que se entenda a diferenza sobre a súa procedencia. Explicar que no mundo da pesca hai dous modos de extracción: a responsable e a destrutiva. Impera a segunda, que asfixia o modo de poder facela primeira. Pero eu son fiel á lonxa de Fisterra, hoxe prefiro vender peixe en fresco e con ética. Primeiro por respecto aos meus paisanos que resisten no mar. Pois hoxe, trátase de resistir, as cousas non lles van ben. Segundo, por deixar futuro, xa non vale esquilmar. E terceiro, por que un non pode pasar tantos anos aprendendo no mar, e conformarse con vender un peixe arrebatado de calquera maneira. Véxoo como un xeito de fisterranía, de galeguidade, de facer país, o noso pequeno país.
Na primeira vez do Gran Sol, partín dun porto pesqueiro forte, respectable. Hoxe avanzamos cara a decadencia do que xa é unha humilde flota. ¿Como é posible que se nos estea indo das mans? Sorpréndeme que non haxa reacción dos nosos gobernantes. ¿Tan difícil é preguntar ou escoitar ás xentes do mar? Este mar ten futuro, pero para iso necesitas unha drástica viraxe, novas formas de facer política do mar. Agora funciona coma unha filial industrial na que hai ricos e pobres. Uns poucos collen o de moitos; e moitos teñen que repartirse o resto.
Voces mariñeiras da Costa da Morte berran por un cambio de modelo. Defenden a súa singularidade, a súa pesca das artes menores, e argumentos manexan dabondo. Como fisterrán non podo ser indiferente, coma nacionalista tampouco. Comparto as súas reivindicacións. A pesca da Costa da Morte non pode verse arrastrada por artes que, por exceso, condicionan o futuro de todos. Hai que poñerlle límites xa. Para que haxa futuro na convivencia entre as distintas artes é preciso establecer condicionantes extras a aquelas que teñen un impacto que afecta ao resto. Enténdase o arrastre como a principal delas. A prioridade debe vir marcada pola protección das artes menores: pola demostrada calidade pesqueira, a súa condición sostible cando hai responsabilidade e capacidade de xerar emprego e distribuír beneficios na poboación local. Non se trata de contrapoñer pesca artesanal fronte ao arrastre, pero si de favorecer a igualdade.
Como mariñeiro, peixeiro e político comparto esta reivindicación da flota artesanal. Teñen todo o meu apoio. Non podería ir a lonxa de Fisterra a sabendas de que hai 77 embarcacións ás que os excesos réstanlle oportunidades.