«Son varios os recantos especiais desta comarca, sería conflitivo quedarme só con un», sinala a poeta Yolanda Castaño, inmersa nunha completa axenda de festivais poéticos e novos proxectos que axiña verán a luz.
19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.No momento desta conversa Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) está aínda «recén aterrada» do festival Marpoética, a segunda edición do festival de poesía de Marbella, e a piques de coller rumbo cara Tui para tomar parte en Música no Claustro, unha iniciativa centrada no aspecto musical, aínda que aberta a outras propostas coas que manter diálogo, como é a poesía. Un verán ateigado de citas profesionais nas que recentemente fixo un pequeno oco para amadriñar unha das habitacións literarias do hotel Bela Fisterra.
-Moitos festivais no horizonte.
-Si, para min son moi enriquecedores, e a moitos niveis. Por unha banda, é unha maneira de chegar ao lector, mesmo a aquel que non está moi ao día das últimas novidades, xa que a faceta oral que ten a poesía faina moi consumible e inmediata. Por outra banda, é unha estupenda maneira de probar os teus textos en directo, e tamén de estar en contacto con persoas que comparten as túas mesmas sensibilidades e intereses. Ademais, para min un festival non deixa de ser unha antoloxía viva de poesía: como quen abre un libro.
-A poesía goza tamén dunha vertente moi musical.
-Persoalmente son autora de unhas cantas letras de cancións para xente como Leilía, Rosa Cedrón e outras formacións galegas. Precisamente unha das novidades que teño -aínda que non son moito de desvelar proxectos, porque parece que se gafan- é que están para saír dúas publicacións, e xustamente unha delas é un libro disco en Italia. Os poemas sairán en galego e italiano, e na parte auditiva sairei eu recitando en galego -en italiano non, só faltaba [ri]- con música de Issac Garabatos, o meu músico de sempre. Lingua de l’inchiostro, levará por título.
-¿Qué tal a tratan por Italia?
-Parece que ben [ri], xa teño estado unhas cantas ocasións e é un país que ten unha gran tradición na fusión música e poesía e que recentemente se está comezando a abrir a autores internacionais. O primeiro convidado foi nin máis nin menos que o chileno Raúl Zurita, e o segundo convite veu a nós, así que un gran orgullo. Grazas a isto acudirei o mes que vén a un festival a Pordenone, xunto con Arturo Pérez Reverte e Andrés Barba.
-¿E qué hai da Costa da Morte, estivo algo por aquí?
-Tiven unha primeira ocasión de abrir boca por alí este verán, pero penso recuncar. Síntome coma na casa e nunca deixo de teimar en volver. Este ano, ademais, tiven unha honra moi grande, un privilexio nunca antes soñado, que é que o hotel Bela Fisterra inaugurase comigo a súa habitación Marea Viva, un cuarto que cada medio ano se dedicará a unha voz contemporánea e que estaremos dotando de contido durante este tempo. Penso volver, sen dúbida, e desfrutar a oportunidade de ocupar ese cuarto algúns días máis do verán.
-¿Algún espazo da comarca que ocupe un lugar destacado?
-O Ézaro, a extraordinaria vista dende os miradores de Fisterra, a localidade de Corcubión, Camariñas, o Vilán... Son varios os recantos, sería conflitivo quedarme só con un. Gústame moito facer de anfitrioa de escritores foráneos e facerlles un percorrido pola Costa da Morte, non só en canto a paisaxe, senón tamén en canto á gastronomía, á artesanía e tamén á literatura, claro.
Para cotillas
-¿Praia ou piscina?
-Un hotel con piscina a carón da praia. Cústame moito tomar partido, porque implica renunciar a algo, e iso non o levo moi ben.
-¿Mar ou montaña?
-Son máis de mar.
-¿Chill out ou chiringuito?
-Un chiringuito na costa ártabra, que tamén é chula.
-¿Facebook, Twitter ou Instagram?
-Facebook, é unha rede que me permite máis contido.
-¿Algunha comida?
-Teño unha cea favorita para o verán: tortilla e pemento de Padrón.
-¿Peixe ou marisco?
-No verán, marisco.
-¿Norte ou sur de España?
-Non son moito de turismo nacional: máis ben de turismo galego ou internacional.