Camiño a Fisterra e Muxía: o Rexurdido

Antón Pombo Rodríguez

FISTERRA

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | «Aí está o Camiño, que é de todos e debe ser coidado», di o historiador Antón Pombo

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Velaí andaba, velaí andaba, coma a Porta de Alcalá de Ana Belén e Víctor Manuel, pero esquecido, abandonado a súa sorte, mesmo a piques de ficar relegado na recuperación dos itinerarios xacobeos galegos, encabezados polo Camiño Francés. E todo isto malia ter amoreado documentación e méritos de abondo, coma o que máis, e de gozar dun privilexio único: ese solpor no promontorio de Fisterra ao que tiñan asistido, abraiados e engaiolados, milleiros de peregrinos ao longo dos séculos.

Unha historia que un pequeno grupo de entusiastas, e xa que logo medio tolos, nos dispuxemos a recuperar, e con tanta teima e enerxía que chegamos a enfrontarnos non á Xunta, que axiña acolleu a idea, senón coa propia catedral de Santiago, temerosa de que se puidera poñer en dúbida a primacía da meta compostelá. Foi así como colgaron o sanbieito de neo-pagáns aos peregrinos que proseguían a Fisterra, falseando a propia historia polos seus devanceiros creada, insistindo en que a catedral era a única meta do Camiño. Daquela andaba na miña tese doutoral, que nada tivo de exprés, sobre o cardeal Payá y Rico, quen, por certo, redescubrira os restos do apóstolo Santiago remexendo pola catedral. Interesados en achegar a bitola científica, en 1999 celebramos un Congreso Internacional Xacobeo de Asociacións na comarca, con sé no Fernando Blanco, ao que acudiron expertos de toda Europa; así foi referendada, por se houbese algunha dúbida, a historicidade da prolongación a Fisterra e Muxía.

O que lembro con máis sorna foi a carta que por aqueles días, en La Voz e cargada de argumentos de peso, enviara replicando ao arcebispo de Santiago, que pasara por Muxía insistindo na ladaíña da meta e punto. Sentíame como o masón pontevedrés Indalecio Armesto, que fixera o propio no século XIX, se ben, por fortuna para min, no presente xa non se estilaban as excomuñóns; ademais, o de chegar a Fisterra non era unha cuestión de fe.

Riadas de peregrinos

Cando a posteriori teño visto as riadas de peregrinos, e mailo efecto que na economía local teñen xerado en Negreira, Vilaserío, As Maroñas, Olveiroa, Cee, Corcubión e, sobre todo, en Fisterra e Muxía, non podo menos que evocar que todo aquilo xermolou a partir da paixón de catro tolos coordenados a través da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, entre eles José Antonio de la Riera, Manolo Vilar ou Rosa Sánchez.

Tanto foi o compromiso que conseguimos contaxiar a algún alcalde, sendo de xustiza lembrar ao de Fisterra, Ernesto Insua. Tamén dende a Asociación Neria se puxeron mans á obra, achegando experiencia e capacidade de xestión, co apoio da Deputación. E foi así como ao longo de dez anos demos a matraca, organizando peregrinacións dende a praza do Obradoiro ata Fisterra e Muxía: catro días de inesquecible convivencia, unha andaina que logo ten servido de modelo para outras experiencias coma a do Camiño dos Faros. Nalgunha das convocatorias chegamos a ser 300 persoas, e ao chegar a Negreira sempre eramos saudados polo alcalde, dende o balcón do Concello, mentres soaba a banda de música ao máis xenuíno estilo das películas neorrealistas italianas, arremedo dun benvido Mr. Marshall que, a diferenza da película de Berlanga, non defraudou as expectativas.

Como dicía Churchill sobre a RAF, e sempre adoita acontecer así, uns poucos fan moito pola maioría, e logo veñen outros a se colgaren as medallas ou, como é o caso actual, a apoderarse do traballo dos primeiros, e a transformar unha prolongación de esperanza, na que reinterpretar os eternos símbolos da fin do mundo, en bagatela de consumo para o turismo de masas. Deste xeito estamos a ver como o noso Camiño tende a converterse nun permanente mercadeo, e tamén como os seus actuais propietarios da Axencia de Turismo de Galicia, en comandita con algún concello, o modifican ao seu antollo sen pensaren o máis mínimo nos peregrinos e na súa seguridade viaria (por exemplo, dende a igrexa de Cee). O seu agochado lema é «Todo para os peregrinos pero sen os peregrinos», na liña do despotismo pero sen ilustración, e o Camiño esmorece nas valoracións por mor dunha excesiva presenza do asfalto, co sinxelo que sería facer sendas paralelas de terra ou recuperar as vías históricas (pola aba do monte Aro, en Mazaricos, o a subida dende A Insua ao promontorio fisterrán).

Nestes anos tamén coñecemos tristes episodios de rivalidade por celos, os máis soados entre Fisterra e Muxía, coma se non houbese para todos. Outros concellos teñen permanecido impasibles perante os cambios operados, que corren o risco de marxinalizalos (Cee e Corcubión). Asemade teñen xurdido outras iniciativas serodias para recuperaren vías históricas, como a de Negreira a Muxía por Brandomil, que parece vai ser encarreirada na nova Vía Mariana de Braga a Muxía, e outras estrambóticas protagonizadas polo Concello de Malpica («nos tamén somos Camiño») ou polo «Camiño da Estrela», que dende a Ría de Muros e Noia propón unha ruta costeira moi respectable, pero que pintaron á mantenta con frechas amarelas sobre fondo azul.

Pola nosa banda podemos estar orgullosos de ter seguido os pasos daquel francés, de nome Philippe, que co seu burro e dous caldeiros de pintura amarela se converteu, emulando a Elías Valiña, en precursor. Puidemos pintar e repintar o itinerario, conseguir que fose recoñecido coma unha ruta oficial na primeira fornada tralo Francés (1999), que foran construídos catro albergues públicos (Fisterra, Olveiroa, Negreira e Muxía), o xestionado pola asociación de San Roque (Corcubión), aos que a seguir emularon ata 35 privados, e que se tendera a ponte de Vaosilveiro, todo impensable daquela! Ninguén agarda recoñecementos, nin homenaxes, nin sequera as grazas. Aí está o Camiño, que é de todos e debe ser coidado. O que fixemos feito está, porque nos gustaba, e porque así fomos felices. E punto!

Naceu en 1964. É doutor en Historia Contemporánea pola USC, investigador da peregrinación xacobea, escritor e xornalista de turismo, autor de máis de 500 artigos, en prensa nacional e revistas, sobre o Camiño de Santiago, e autor das guías do Camiño de Santiago (Francés, Norte e Primitivo, Portugués, Inglés).