Remedios e placebos

Francisco Ant. Vidal
francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

FISTERRA

matalobos

09 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o mal aperta botamos man do que sexa e onde o médico non pode o curandeiro anima, xa sexa co uso da lixivia ou co emprego de pedriñas de cores porque cada cor ten o seu efecto sobre non sei que parte do corpo. Mais postos a escoller sistemas absurdos eu escollería curar os males do fígado rezándolle a un carrasco na hora do amencer, durante nove días, mentres se rega cos escuros ouriños do doente, ou devolver o ánimo e a afouteza levantando a paletilla, que ó menos ten algo de rito ancestral, de comuñón coa natureza. O caso é que, moitos destes remedios, tan fantásticos como aventurados, aportan un certo alivio que está máis na mente ca na parte danada. Á fin todo placebo é un timo por compaixón.

Lembrando a novela El árbol de la ciencia, Baroja conta daquel médico que entra na habitación dunha moza que está para parir e vendo na mesiña unha estampa de san Ramón Nonato, o primeiro que fai é impoñerse sinalando a icona: «Ou ese ou eu, porque se o parto sae ben terase por favor do santo e se sae mal terase por falta miña». Pero quen non se sentiu máis aliviado despois de camiñar descalzo na procesión ou de darlle tres voltas de xeonllos a algunha capela? E a verdade é que aqueles remedios tan peculiares, como o de deitar sobre a tumba de san Guillerme en Fisterra para concibir os matrimonios infecundos, non deixan de ser curiosos, pero tamén de recoñecido alivio, neste caso para os esposos que ata alí peregrinaban, con nocturnidade e aleivosía, a poñer todo da súa parte sobre a campa do santo finado. E logo, cando aqueles remedios non aportaban a solución agardada, era «que non estaba de Deus».

Cantas veces, diante de enfermidades incurables, non se evita a desesperación con carameliños azucrados que o médico fai pasar por menciñas?. O efecto placebo, é a cara amable das pseudomenciñas de outrora. O placebo é unha mentira bondadosa que se estuda nas facultades sen libro de texto, unha necesidade dos desafiuzados. E así mesmo podemos falar do efecto médico, pois igual ca noutrora era de alivio visitar ó sancristán que che impoñía o santo cunha pregaria rutineira para alivio de todos os males, agora é o coller vez no ambulatorio para que o doutor che bote unha man polo lombo, che dea dúas palmadiñas e diga que estás coma unha rosa e mellor estarás se tomas ou fas esta ou estoutra cousa. Tantas veces, as palabras dunha autoridade ou suposta autoridade na materia é a mellor menciña, e por iso nunca me queixo do que tarda o meu médico con cada doente e aínda propoñería que se lle ampliase o tempo estipulado de consulta, porque todos sabemos que un doutor amable pode mellorar a saúde do paciente, ou ó menos aliviala, sen grandes gastos para a Seguridade Social. Falta facer o cálculo de canto se aforra en medicamentos por minuto de consulta.

Volvendo á novela de Baroja, para amosar como non todo se cura con pastillas e apócemas, nin a amabilidade é condición propia dos médicos, noutra pasaxe, ante unha gripe, o médico protagonista manda abrir as fiestras para que corra o aire e o griposo sinta a frescura do día, gañando así a antipatía dos incrédulos veciños e parentes. Ou aquel outro doutor que se fixo famoso porque a algunha paisana, sen abrir o caderno das receitas, recibíaa tirándolle un caldeiro de auga e abroncándoa por non lavarse. E eses si que non eran placebos.