TURISTAS A TODA COSTA | O fisterrán Roberto Traba percorreu longos tramos da Ruta máis de 30 veces, e ademais por todaslas vías
19 mar 2019 . Actualizado a las 18:35 h.Roberto Traba Velay (Fisterra, 57 anos) leva anos percorrendo o Camiño de Santiago e a súa prolongación a Fisterra. É sabido que moitos enganchados á Ruta fano habitualmente, pero habitualmente son de fóra da comarca, sobre todo estranxeiros. Autóctonos, menos. É difícil saber cantas veces o fixo. Bota contas e cre que arredor de 30 en total, pero cada unha ten a súa historia. O das 30 refírese ás veces que andou dende Santiago cara Fisterra, pero hai que ter en conta que veu tamén pola vía francesa empezando dende varias cidades diferentes de España (incluída, claro, Roncesvalles), a portuguesa (dende Coímbra), tamén polo camiño primitivo dende Oviedo, e polo sanabrés dende salamanca. Así que pódese dicir que coñece ben como se chega ata a catedral e logo ata a fin do mundo. E non é que empezase precisamente de moi novo.
Roberto ten un albergue, o de Paz, en Fisterra, e ten sobre todo o bar A Galería, un lugar case de culto polo que pasan todos os anos centos ou miles de peregrinos chegados de todo o mundo.
-Como lle deu por empezar a camiñar?
-A idea empezou aló por 1998, cando empecei co bar, e falar con peregrinos que chegaban de todas partes. Foi cando empezou o bum dos que chegaban dende Santiago. Empecei a coñecer xente, historias... Eu non camiñaba, non ía andando nin ata Sardiñeiro, que está aí ao lado. Pero todos cos que falaba quedaban moi contentos coa experiencia, dicían que era formidable, e decidín empezar eu tamén. A primeira vez, no ano 2000, e non parei.
-É certo iso de que o Camiño cambia á persoa? Tantos que o din...
-A ver, o Camiño non te cambia, pero axuda a ver as cousas doutro xeito. A moita xente axúdalle a tirar para diante, iso é así. Hai que facelo para entender isto. E andando, porque en bicicleta non che dá tempo a vivir o mesmo. Non che cambia radicalmente a túa vida, certo, pero vala ver doutra maneira. Eu lembro a primeira vez que chegaba de Roncesvalles, parei alí no mirador de Talón tras 27 días andando, mirei para Fisterra, e emocioneime. Queiras que non, estas cousas marcan. Tamén é certo que despois acábase e chocas coa vida real. Pero aínda así queres volver a facelo, e segues.
-E vostede seguirá.
-Si, claro, quero facelo máis veces, e tamén dende o estranxeiro.
-Que consecuencias prácticas está tendo no tramo de Santiago a Fisterra e Muxía?
-É un pulmón para a economía local, ben se ve nos sitios polos que pasa. Chegar a Fisterra é un epílogo, porque as peregrinacións sempre foron a Santiago, pero logo moita xente quería ver o mar, a fin, e cada vez máis queren facelo.
-E ao mesmo tempo, cada vez hai máis albergues.
-Moitos, en todas partes: Mazaricos, Dumbría, Fisterra... Eu montei o primeiro privado legal de Fisterra, o Albergue de Paz, no 2007 aínda que había casas que xa ofrecían pernoctacións. O único que había era o público. Agora non sei cantos haberá en Fisterra, pero igual son 20. Cambiou todo. Non só albergues: restaurantes, negocios ligados ao Camiño... Isto cambiou radicalmente.
-Cre que no resto de España os servizos que se lle prestan aos camiñantes son mellores ca en Galicia?
- Nestes últimos anos pode que si, pero a finais dos 90 e principios dos 2000 notábase moito a rede de albergues da Xunta. Teño durmido en cada sitio que ¡vaia por Deus! En Galicia sempre tiñas e tes a opción dos albergues da Xunta, tanto en vilas como en aldeas.
-Cambiou a imaxe dos que chegan? Non había desconfianza?
-Non había tal, ao revés, diría que antes aínda eran mellor recibidos, porque eran moitísimos menos. Agora, ducias de miles. É curioso en Fisterra, que sempre mandamos navegantes polo mundo adiante, e agora chéganos a nós xente de todo o mundo. Eu nun día podo falar cos coreanos, australianos ou canadenses.