Esta fisterrá, que dende hai un tempo tamén escribe contos para os pequenos, levou un Mestre Mateo polo seu traballo no filme «Ons»
18 ene 2022 . Actualizado a las 22:38 h.Con nove galardóns, a película Ons, de Alfonso Zarauza, foi a grande triunfadora da gala dos Premios Mestre Mateo este pasado sábado. Formando parte do mellor audiovisual galego, a fisterrá Marta Lado, que levou recoñecemento á mellor actriz feminina de reparto polo seu traballo neste filme.
-Falou realmente emocionada.
-Si. Supoño que todos estamos un pouco sensibles e cando nos atopamos con xente que levas tempo sen ver, a metro e medio, véñenche un montón de recordos. Saíume así. Aínda estou un pouco perdida: colleume nuns días moi movidos e non me deu tempo a repousar.
-Tivo moitos parabéns.
-O teléfono estaba a tope, xa alí mesmo na gala, menos mal que o puxen en modo avión. E ao prendelo, mi madriña, moito cariño!
-«Ons» supuxo ir gravar en barco co seu bebé de 4 meses e con súa nai, para coidar a pequena. A conciliación no mundo do cine?
-No do cine e en xeral. Escoitei que «la conciliación no existe, son los padres», e así é. Sen avoas e avós é imposible, polo menos para min. Ademais, no cine e no teatro, como non temos uns horarios tan axustados á normalidade, é máis complicado. As horas de escola infantil moitas veces non serven. Tes que tirar dos avós, aínda que iso, coa pandemia, e para a súa protección, complicábase un pouquiño. A rodaxe colleunos xusto antes.
-Ían e viñan cada día?
-Non. Estabamos en Ons, tivemos un preconfinamento para adestrar o que ía vir [ri]. Miña nai e máis eu aínda viñemos nalgunha ocasión, e veunos algún temporal pola popa, pero houbo xente que quedou alí todas as semanas de rodaxe.
-Ons, habitada por xente todo o ano, sempre merece visita.
-Unha vez que pasabas alí uns días, collías aquela calma, aquel ritmo de estar relaxado, e iso que nunha rodaxe sempre hai nervios ou imprevistos. Estabamos coa mente tan aberta e con ese coñecemento de que podía pasar calquera cousa e ter que cambiar o plan de rodaxe ata tres veces no día, polo tempo, que sentiamos pese a todo unha calma interior. Os veciños, ademais, implicáronse moito, foron moi bos anfitrións, acolledores. Tamén a película xa estaba escrita para que clima e entorno fosen protagonistas.
-Na comarca, Marta Lado sempre será rostro de Sicixia. Con aquela película de Vilar ten dito que madurou. Que lle supuxo «Ons»?
-Ons é un traballo e unha experiencia profesional importante, porque ademais de estar moi a gusto co equipo, aprendín moito de Alfonso, de cine, de linguaxe cinematográfica... Xustamente agora ando metida nesto. A nivel persoal, foi algo moi especial, porque ao levar á miña nena e á miña nai sentíame como dividida: por un lado, na rodaxe; por outro, preocupada por elas. Isto fíxome situarme no mundo como nai-actriz. Cando estás nunha rodaxe estás centrada en ti, é un momento egoísta, porque queres dar o mellor e buscas o teu espazo e o teu tempo, pero estar alí, co bebé, a dúas bandas, tamén me axudou en certa maneira para o personaxe, que ten este lado protector: da familia, do entorno, da súa parcela.
-Dúas películas, «Sicixia» e «Ons», marcadas pola paisaxe, polos sons, polas falas. Diso sabe vostede, fisterrá, con pai do Pindo... ¿Que ten a Costa da Morte?
-É máxico, é algo magnético. En Ons sentín iso, moitos paralelismos, porque hai algo que te somerxe... Son rodaxes de inverno, aí está a borraxeira que aos que somos algo melancólicos xa nos leva ao teu mundo interior... Á marxe da fermosura inmensa de cantís, da natureza salvaxe, está esa parte mística de estar nun lugar apartado do mundo. Ons, totalmente, no medio do mar, e a Costa da Morte pois tamén, que de momento, tren non temos!
-Algún proxecto propio?
-Co covid todos nos reinventamos. E eu que estaba empezando a practicar a ser mamá, metinme no mundo dos contos. Gústame escribir dende sempre, comecei a formarme un pouco como escritora de contos e namoreime desta nova visión da literatura. Así que aí estou, escribindo bastante. Engancha. Hai autores marabillosos, ilustradores... Xa quero mercar eu máis libros ca nena.
-É parte de Talía, profesora da Escola de Teatro de Fisterra... Como lle sentou o covid á dramaturxia?
-En Talía houbo que retrasar os proxectos que había, a ver para o ano que vén: quedáronse cos proxectos de formato máis pequeno. E na Escola de Teatro pois tamén nos reinventamos: fixemos da necesidade virtude e este ano estamos preparando radioteatro. Temos que empezar a gravar xa e a ver se axiña o podemos compartir, porque está sendo moi divertido. Elas crearon un personaxe, eu fixen unha dramaturxia cun toque de misterio, e a ver que tal.
-Fisterra sen Semana Santa; monologuista sen bares... Que lle ensinou a vostede o covid?
-Sempre fun feliz con pouco. Son moi afortunada, teño todo o que preciso, pero aprendín a apreciar aínda máis á xente que che importa, que ten boa vontade, que pensa en ti para ben, que te quere. Aprendín a coidar dos meus, a gozar o momento (...). Bótase tanto de menos a música en directo! Houbo unha cousa moi fermosa con Ons, unha ousadía que funcionou, e que volverá: fixeron unha xira con Chicharrón, cun concerto previo á película. Foi un regalazo, porque moitos dos que estabamos alí había moito que non escoitabamos música en directo.