O soño «Aradomar», antoloxía poética sobre Fisterra, é por fin realidade

S. G. / p. b. m. CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

A obra coordinada por Alexandre Nerium, con máis de 225 poetas do mundo presentes, xa anda polas librarías

25 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aradomar, unha antoloxía poética na que a protagonista é Fisterra, xa está nas librarías. A algunhas xa comezara a chegar a semana pasada, tal e como contou en Radio Voz Bergantiños Manuel López, Alexandre Nerium, home de mar, escritor e guía do Museo da Pesca, situado precisamente no castelo de San Carlos fisterrán. Aradomar é un esforzo ímprobo que xa é realidade, se ben Nerium, como xa fixera hai un tempo, incidiu na súa intervención en que o seu non foi un traballo a soas. «Isto non é só algo meu, particular, pero alguén tiña que coordinar», explicou. Pescudou, claro que si, pero segundo dixo tamén tivo a axuda de moitos outros nomes para ir tecendo esta antoloxía da presenza de Fisterra na inmensidade das letras. Son más de douscentos, 225, os poetas de todo o mundo, e de moi diversas épocas, que nesta obra cantan e loan a Fisterra.

Coa voz completamente «desfeita» das moitas visitas guiadas que leva ofrecendo nas últimas semanas no Museo da Pesca, explicou Nerium en Radio Voz que foron nada menos que uns vinte anos os que ten empregado en reunir e compilar boa parte das creacións. Algunhas foron encargadas. Aradomar, de nome tan sonoro, non deixa de ser un soño. «Moita xente cando vía un poema cun título ou un verso dedicado a Fisterra, xa mo enviaba», contou. Por que Fisterra impresiona tanto e a tantos? Máis alá da beleza paisaxística, que tamén, Nerium cre que o concepto Fisterra vai máis alá dun enclave xeográfico. «Fisterra é un concepto sentimental, de moitas cousas», abundou Alexandre. «Fisterra é Fin de Camiño, é unha meta, é a vida e a morte...», engadiu. Mencionou a Lêdo Ivo, un dos grandes poetas do Brasil, para incidir en que, neste caso, para el Fisterra era «un concepto espiritual». Se tivese que quedarse con algunha mención especial, quizais a máis antiga, do 1340, do inglés Geoffrey Chaucer (The Canterbury Tales).

Alexandre Nerium
Alexandre Nerium Ana Garcia

Dous decenios dan para moito e, en todo este tempo, Nerium admite que tivo «baixóns». Case chegou a pensar que nunca vería a obra na rúa. Publicar poesía, e neste caso co engado de ser unha antoloxía, xa é complicado. Facelo en pandemia, peor. Mais a editorial Eneida, de Madrid, e particularmente Luis Sotuela, mostraron fondo interese, algo que o compilador agradece. Lembrou na súa intervención, ademais, aquela dobre exposición que cadrara en Fisterra en marzo do 2013, unha de Premios Nobel e personalidades que acudiran á vila, e outra xa de boa parte destas referencias literarias. Daquela xa tiña na súa posesión 150.

Na publicación aparecerán os orixinais no idioma correspondente (francés, alemán, italiano, maltés, portugués, vasco, catalán, castelán...) e as traducións ao galego. Rosalía, Murguía, Machado, Alberti, Cela, Benedetti... E Nerium non deixa de soñar, porque di, «que bonito sería acabar unindo todas as fisterras».