Cálida homenaxe no Bela Fisterra a quen foi peza clave «para entender a nosa música», «estrela no firmamento». O muxián Manuel, falecido no 2019, foi e será un referente do acordeón diatónico
13 dic 2022 . Actualizado a las 20:16 h.«Identificamos grandes eventos con grandes escenarios, moitas luces, pero non», dixo onte Xurxo Souto no Bela Fisterra. Alí, onde Manuel Pazos, Pazos de Merexo, participou no seu último evento social, unha clase maxistral de Kepa Junkera, foi onde onte se lle rendeu unha cálida homenaxe a quen foi e segue a ser un referente do acordeón diatónico. Falecido no 2019, segue na memoria de todos, incluso para aqueles que só tiveron con el breves encontros, caso de Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, quen chegara a el, antes, mediante unhas gravacións. «Foi fundamental para entender a nosa música e para darlle continuidade», dixo Romero de Pazos, logo de contar que el mercara un acordeón diatónico na Bretaña cando aquí «non había nin se usaba para o folk». «O acordeón diatónico está vivo, máis ca nunca, grazas a xente que toca e que tivo referentes como Pazos de Merexo», abundou. Un deles, Brais Maceiras. Romero, Romero Diéguez precisamente ao acordeón, e a voz de Irma Macías abriron o concerto-homenaxe, ao aire libre, sobre a area, con Heicho de dar, Foliada de San Fins e Fisterra.
Non puido estar presente Xosé Manuel Varela, mais enviou unha sentida carta que, non podendo ser lida por Rosalía Fernández como estaba previsto, por un pequeno accidente, resoou na voz de Pepe Formoso, responsable deste espazo literario que onte foi todo música. A rica memoria musical que tiña Manuel, e as portas da súa casa, sempre estaban abertas, cal «fonte de augas milagreiras». Alí recibira a Xurxo Souto, a Mercedes Peón e a tantos outros. «Pazos era, sobre todo, unha grande persoa. Era cariño e amizade, un dos grandes mestres da música galega», dixo o primeiro, lembrando anécdotas canda María José Pazos, filla do artista, e dando paso á mestría de Alberto Núnes.
E á de Fernando Fraga, emoción de voz e son: «A primeira vez que fago algo así». Foron moitos, tamén Miguel de Lira ou Kepa dende o País Vasco, os que se sumaron a esta memoria de Pazos. Igual ca o neto Adrián Lago, co seu icónico Valse. Memoria do país, daquel home que tan ben sabía «florear». Onte, 9 de maio, Pazos tería estado de aniversario.