Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra: «Sabía o que pasara en Bergondo, pero iso non me garantía a investidura»
FISTERRA

Os novos alcaldes da Costa da Morte | A mandataria, de Alternativa dos Veciños, tivo que facer fronte ás primeiras emerxencias na súa xornada inaugural no Concello, pois a choiva deixou numerosas incidencias en Fisterra
20 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Estaría disposta a pactar sempre e cando eu fose a rexedora». Con esta afirmación se presentaba na pasada campaña electoral Áurea Domínguez Sisto (1967), candidata de Alternativa dos Veciños á alcaldía de Fisterra. Dito e feito. O pasado sábado converteuse na primeira muller en recoller o bastón de mando na localidade e uniuse a un grupo de mandatarias que xa integran a ceense Margot Lamela, a vimiancesa Mónica Rodríguez e a camariñá Sandra Insua. Unha responsabilidade e un auténtico «reto», dicía intres despois de que o PSOE lle dese, finalmente, o seu apoio na investidura. Con eses dous votos e co do único edil do BNG logrou acadar a maioría que precisaba para evitar un goberno do Partido Popular, forza máis votada.
—Como foi o primeiro día no despacho da alcaldía?
—Pois certamente moi ocupado e activo. Na pasada noite [do domingo ao luns] choveu bastante e xa tivemos que atender as primeiras emerxencias. Desbordáronse algunhas arquetas, houbo riadas en zonas como Hermedesuxo, San Martiño ou San Salvador... Moita actividade.
—Que foi o primeiro que fixo nada máis chegar?
—Primeiramente, saudar ao persoal que estaba alí. Como hoxe [por onte] non puido ser por cuestión de horarios, fixamos unha reunión para o martes a primeira hora con tódolos traballadores. Hai que ver as súas impresións, se hai que facer algún cambio... Eles son unha parte moi importante no Concello e o labor administrativo ha de ser fluído e ir á par que o político.
—Como foron as horas previas a ese pleno de investidura? Asegura que o PSOE non lle deu resposta ata o mesmo momento de alzar a man no seu favor.
—Así foi. Non tiña demasiados nervios, pero si a incertidume de se sairía elixida ou, pola contra, sairía Luis [PP]. Claro que ao chegar alí e atoparme o salón cheo de xente, de veciños... Intentei estar o máis fría posible, porque calquera cousa podía pasar.
—Era consciente do que estaba a suceder en Bergondo, con outra alcaldía que dependía da alianza PSOE-AV, e de como podía afectar á investidura en Fisterra? Había acordos entre os dous concellos?
—Se houbo negociacións, eu non estiven nelas. Descoñézoas e só souben do que pasaba polos medios. Cando vin que non había máis posibilidade de negociar entre Marcote e eu, quedei a expensas do que decidira. Sabía que en Bergondo se tomara esa decisión [pacto entre ambos partidos], pero non me garantía que eu fose saír elixida.
—Foi un pleno tenso, cun certo sector do público que os increpou tras coñecerse o resultado da votación. Como asume ese tipo de comentarios?
—Non lle dou maior importancia, pois foron nun momento «quente». Quizais tiñan unha serie de expectativas e reaccionaron desa maneira. Seguramente non fose o máis apropiado, dado o momento e o lugar no que estabamos, pero non lle dou importancia. A elección fíxose dentro do marco legal e non son a primeira alcaldesa en España que foi investida deste xeito.
—O BNG xa indicou que non formará parte do goberno. Pero, cal é a postura do PSOE?
—Non houbo máis conversas ao respecto. O equipo de goberno conformarémolo nós os tres, os concelleiros de Alternativa dos Veciños, aínda que non temos fecha para o pleno de organización. Non sabemos se, ata entón, se achegarán a falar con nós ou non. Hai que ver como se desenvolve todo estas semanas.
—Deulle algún consello o alcalde saínte? Aínda que fose no momento de facerlle entrega do bastón de mando.
—Non. O mesmo día da elección desaloxou o despacho, ofreceume as chaves e démonos a man. Con corrección e normalidade.
—Xa teñen repartidas as áreas de goberno? Serán tres, tocarán a varias por cabeza, iso seguro.
—Polo momento, non. Estamos iniciando o reparto e tivemos a nosa primeira reunión para falar cos responsables administrativos de cada área. Queda aínda moito traballo por facer e temos de prazo un mes para convocar ese pleno de organización do que falaba.

«O que me convenceu de Alternativa dos Veciños foron os resultados da súa xestión noutros concellos»
Limpeza, obras ou servizos sociais, algunhas das áreas nas que considera prioritario comezar a traballar canto antes. «Nun primeiro momento rexeitei a oferta de Alternativa», conta.
—Cales eran as liñas mestras do seu programa electoral?
—Tocamos un pouco tódolos paus. Queremos unha Administración máis aberta e un Concello máis representativo, ademais das infraestruturas e necesidades básicas que hai que afrontar. Cousas como unha Casa da Cultura ou o centro médico son moi importantes, así como o plan de turismo.
—A que cre que é máis necesario botar man, con urxencia?
—Con limpeza e servizos múltiples queremos empezar dende xa mesmo. De feito, hoxe [por onte] estivemos co capataz que leva as cuadrillas e hai total predisposición pola súa parte e por todo o persoal do Concello. Tamén servizos sociais é unha área de suma importancia.
—Soñaba con ser alcaldesa?
—Foi algo que xurdiu sen demasiada planificación, non entraba dentro dos meus soños dedicarme á política, pero en canto se me deu a oportunidade e estudei o proxecto, aceptei. Penso que podo aportar cousas e, como as ganas de cambio eran moi grandes, decidino.
—Formara parte anteriormente dalgunha lista electoral?
—Nunca. Esta foi a primeira vez, e ademais como candidata e, despois, como alcaldesa. Saíu todo ao noso favor e cumprimos o obxectivo: chegar ao goberno.
—Foi vostede a que se achegou a Alternativa ou foi Alternativa a que se lle presentou a vostede?
—O partido contactoume a min.
—Que a levou a aceptar? Que viu nesta formación política?
—Convencéronme os resultados da súa xestión nos concellos nos que goberna. Pensei: «Eu quero algo así para Fisterra». Evidentemente non é comparable, por orzamento e pola diferenza de necesidades, pero só hai que ver como está Oleiros. Vendo ese éxito de xestión e notando apoio por parte do partido para loitar por cubrir as necesidades e infraestruturas básicas de Fisterra, lanceime.
—Tivo o apoio de familiares e amigos?
—Nun primeiro momento descartei a oferta, así que na casa quedou como algo anecdótico. Logo foron continuando as conversas, retomamos o tema e consulteino coa miña familia. Recordo que me dixeron: «Se nolo preguntas é porque xa o tes decidido» [ri]. E alí fun. Teño o seu total apoio.

Vai co cargo, máis de cerca
—Ten fillos?
—Si, un de dezasete anos que estuda primeiro de bacharelato.
—Quen foi a primeira persoa que a felicitou?
—Alí mesmo, no pleno, foi o candidato do PP, Luís Insua, e despois José Marcote. Logo xa me felicitaron o resto de compoñentes da corporación.
—Cantas chamadas e mensaxes puido recibir esta fin de semana?
—Buf, moitos, non podería dicir. Foi unha fin de semana moi intensa.
—Cambiará algo do despacho de alcaldía?
—Non hai moito que variar, pero véxoo moi falto dunha man feminina [ri]. Dareille o meu toque.
—Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?
—Cos traballadores municipais.
—É empresaria. Cre que esa experiencia lle virá ben neste novo labor de alcaldesa?
—Sen dúbida. Teño unha xestoría dende 2002 e antes, durante dez anos, exercín como secretaria e interventora municipal nun municipio de Cataluña. Así que toda a miña vida laboral se baseou, basicamente, en xestionar.
—Que formación ten?
—Son licenciada en Dereito.
—Estivo en Neria: que función tiña?
—Durante catro anos, aproximadamente, fun a representante en Neria dos empresarios de Fisterra.
—Terá tempo para unhas vacacións este verán?
—Pois levo dende o 2016 sen coller unhas, e a este paso ao mellor teño que agardar outros tantos [ri].
—Tocará cambio de vestiario?
—Seguramente. Eu son unha persoa á que lle gusta ir moi cómoda e agora igual me toca vestir de maneira un pouco máis protocolaria, ao ter que acudir a actos, reunións... Iso si, non renunciarei á comodidade, senón xa non me sinto eu.