Mariña Lestón: «No espectáculo que traerei a Vimianzo recollo historias de naufraxios, pero as que non se contan»
FISTERRA

A actriz e creadora fisterrá protagonizará este venres unha nova «Noite no Castelo», ás dez
27 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A actriz e creadora fisterrá Mariña Lestón protagonizará mañá unha nova Noite no Castelo, proposta incluída na programación cultural estival do Concello de Vimianzo. Será ás dez da noite e presentará o seu novo espectáculo, Do baleiro ás ondas. Monólogo e narración oral, segundo ela mesma contou en Radio Voz Bergantiños, será o que poderán ver os que se acheguen na noite de mañá ao patio da fortaleza.
—Actriz, contadora, creadora... Como se define?
—Supoño que actriz. Gústame describirme así, pero ultimamente tamén me vexo como creadora. Ao fin e ao cabo, son eu a que fai os textos, se encarga da produción... Digamos que son ambas cousas, porque tamén estudo Interpretación.
—Unha todoterreo, entón.
—Si, un pouco [ri]. É o que queda neste oficio.
—Hai uns meses, co gallo das Letras Galegas, actuaba na súa terra. Como foi ese debut?
—Pois teño que dicir que ao principio impúxome un pouco, pola presión de estar na casa. Pero acabei moi contenta e satisfeita, sendo público da túa zona sempre te aseguras de que haberá un mínimo de cariño.
—Entón que recomenda: mellor debutar na casa ou fóra?
—Pois na casa! Sempre é moi agradecido. Pero tamén estou contentísima de estrear desta vez en Vimianzo.
—«Dende o baleiro ás ondas» leva por título o espectáculo co que recalará en Soneira. Que é o que ofrece?
—É unha peza de arredor de 45 minutos que trata sobre as historias que non se adoitan contar logo dun naufraxio, aquelas nas que non se pon o foco. Os fillos, as viúvas, as persoas que axudan... As historias dos que quedan en terra, vamos. Aínda que pareza algo moi pesado, e certamente o texto é moi emotivo, ten tamén partes moi simpáticas, porque na vida hai de todo.
—Historias con inspiración real, non si?
—Totalmente, son historias reais que levo a escena para poñer voz a esas persoas.
—A Fisterra veu con «adolescentes». Que era daquela?
—Pois indefinida [ri], diría que non era adolescente, pois era precisamente do que ía o texto: de que nunca me sentín adolescente. Aquel foi un monólogo cómico, así que nada que ver con este novo proxecto que traio a Vimianzo.
—Ve nos monólogos unha vía a explorar no futuro?
—Pois non sabería dicir. Aínda rematarei a carreira o ano que vén e a miña idea non era ir xa facendo cousas antes de acabar, pero como son un cu inquedo foron saíndo e aquí estou. Como polo momento estou eu soa, sen unha compañía detrás, de xeito natural o que van xurdindo son monólogos, pero iso non quita que no futuro poida facer cousas máis grandes.
—Entón, definitivamente, ve neste sector unha opción real de facer carreira.
—Non é que o vexa como unha opción, é que non vexo outra opción de futuro [ri].
—Estuda, traballa... Case como un sistema de formación dual.
—Pois si [ri], e ademais son prácticas das boas, pois están remuneradas.
—Nada doado enfrontarse soa a algo así.
—Pois non é nada sinxelo, pero, aínda que sexa un proceso bastante solitario, non existiría sen a xente que me apoia. A miña familia e amigos, obviamente, pero tamén esas persoas que me confiaron a súa historia, ás cales lles estou moi agradecida.