«Sempre me pregunto se sen Fisterra existiría Santiago como referencia sagrada»
FISTERRA
Xornalista e escritor, Manuel F. Rodríguez presentará o domingo, nun foro sobre o Camiño en Cee, a súa nova novela histórica
29 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Acollerá a Casa da Cultura de Cee sábado e domingo un Foro de Internacionalización do Camiño a Fisterra e Muxía. Mesas redondas, presentacións e literatura, da man de autores como o xornalista Manuel F. Rodríguez, quen dará a coñecer o domingo, ás 11.30, El viaje al fin del mundo. Los buscadores (Ediciones Evohé). Manuel pasou onte por Radio Voz e conversou con Fran Rodríguez:
—Novela histórica, documentación e coñecemento, thriller, novela negra. Todo iso é a obra.
—Diría que si, que unha novela histórica con ritmo de thriller. Unha novela longa que tivo unha versión en galego no ano 2015. A raíz dela foi a petición da versión en castelán, que saíu agora.
—Que muda dunha á outra?
—O básico non, por suposto, pero si o ritmo, por exemplo. Esta nova é algo máis curta, a anterior incluso tiña algunha parte de ensaio. Iso desapareceu e quedou como tal unha novela histórica. É a mesma, pero con outra lectura.
—Un xornalista deberá desentrañar o roubo da cruz grega de Alfonso III O Magno, peza de ouro e xemas da catedral. Velaí unha pequena sinopse. Canto hai de real neste fío e nesta viaxe de tantos séculos que ofrece a obra?
—Son moitísimos personaxes, é unha novela intensa, que leva tempo. Por iso procurei o ritmo, porque é complexa. Parte dese feito histórico, o roubo real nunca resolto desa cruz que regalara ao Apóstolo Santiago, ao seu sepulcro, este rei galaico asturiano. Foi moi adorada polos peregrinos e sufriu ao longo da historia, isto tamén é real, todo tipo de cousas raras. Craváronlle un crucifixo, logo outro... Todo iso como xornalista estimuloume.
—Que peso e que papel ocupa Fisterra nesta súa publicación?
—Absoluto, dende o propio título. Fisterra, fisicamente, por unha das vicisitudes que ocorren, está presente na novela, a Costa da Morte, Corcubión... Pero máis que iso, de principio a fin, está presente a alma de Fisterra, o que significa Fisterra, ese viaxe ao finis terrae que facían aos peregrinos e do que xa hai referencias na Idade Media. Por que van a Fisterra? É esa viaxe que estaba á súa vez trazado na Vía Láctea, a viaxe das almas. Todo iso ten que ver co Camiño de Santiago. Eu sempre me pregunto se sen Fisterra existiría Santiago de Compostela como referencia sagrada. No Códice Calixtino, o Apóstolo Santiago aparece como o apóstolo da fin do mundo. Máis que como apóstolo de Santiago, como apóstolo dunha cidade vinculada ou a Galicia ou a finis terrae.
—Sen entrar se en Fisterra ou Muxía, o Camiño remata neste finis terrae atlántico, afirmamos.
—Sen ningunha dúbida. Tanto Fisterra como Muxía teñen a súa significación, distintas, pero complementarias e inseparables. Muxía apoia a parte máis vinculada á cristianización do que hoxe entendemos como a Costa da Morte, dese espazo vinculado co antigo culto ás pedras, e o cabo Fisterra é ese símbolo celeste do punto onde iniciaban as almas a súa viaxe ao máis alá. Isto último é precristián, está en referencias escritas por peregrinos. O promontorio de Fisterra é case como unha elevación cara o ceo das almas. Ten unha significación moi profunda.
—Hai quen di que o Camiño é unha viaxe sen fin, nunca remata.
—Si, eu tamén son peregrino, e unha vez me xubile, se a saúde mo permite, sereino de moi longas distancias. Non podo deixar de ser peregrino do Camiño, e debo dicilo porque non me gusta enganar: non son crente, mais síntome profundamente peregrino. Cando fago o Camiño teño sensacións que non teño no resto da miña vida. Sinto a dobre viaxe que senten moitos peregrinos, o que vai pegado á terra e o da miña alma polo firmamento, sempre mirando cara Fisterra.
—Hai tantos Camiños como persoas?
—Si. É máis, incluso a mesma persoa está dividida en varios Camiños. Eu son un cando fago o Camiño Francés, outro cando fago o de Fisterra [tres veces xa], outro cando vou polo Primitivo... O Camiño é tan complexo que por ser complexo é misterioso e por ser misterioso atrae.
—É vostede de Sarria, viviu dende neno o rexurdir do Camiño. Foi responsable de prensa do primeiro Xacobeo e moito mudou dende o 93, servizos, infraestruturas... Que ten que haber por debaixo disto?
—Non debemos descoidar, e a novela vai por aí, o sentido simbólico do Camiño, a parte cultural e emocional que, co aumento da turistización polo seu propio éxito, se está perdendo. E se perdemos a «alma» do Camiño corremos o risco de que despois non haxa nin turismo. O Camiño está sendo unha materia de promoción de Galicia no mundo, pero recordemos que o Camiño non é só Galicia, se o reducimos a ela acabarémolo matando.