Xa está aquí o Entroido de Verán!

Roberto Traba Velay

FISTERRA

VICTOR HUGO CONDE

Unhas coplas de Roberto Traba

06 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en pleno verán,

moitos xa están bronceados,

a sardiña molla o pan

e os estudantes folgados

xa están artellando un plan

para andar de festa en festa

dende a noite ata a mañán.

Ca resaca do San Xoán

quedaron un pouco afumados,

pero tras unha semán

nos sofás escarallados,

xa están pensando outra vez

en andar de brincadeira

por aldeas e poboados,

muelles, rúas, carballeiras,

praias, castelos e prados.

A Galicia xa chegou

o seu máis famoso deporte

pois dende o sur ata o leste

e dende o oeste ata o norte

está todo o mundo de festa

porque temos a gran sorte

que do Salnés ao Cebreiro,

e de Lugo a Costa da Morte,

andan tocando gaiteiros

e orquestras de moito porte

para que as mozas se alegren

e os mozos se reconforten.

Máis como non teño espazo

para ir aquí nomeando

todas esas romarías

que están por aí festexando,

permitide que vos diga,

antes de ir rematando

que o sábado os de Fisterra

andaremos celebrando

un entroido de verán

que polo que están contando

serache internacional,

pois moitos xa están chegando.

Así que pois señoriñas,

e así que pois, meus señores:

Vinde todos a Fisterra,

a terra dos meus amores

que haberá festa rachada,

boa música e sabores

de entroidos entre licores

entre alegres batucadas

de trompetas e tambores.

Non se pode pedir máis,

así que quentade os motores

pois xa se escoitan rumores

de que se están disfrazando

alumnos de profesores,

xubilados de camareiros,

e bedeis de directores,

pero tamén as sardiñas

e os paxariños cantores

que din que teñen pensado

ir vestidos de mil cores,

e as gaivotas de fanecas

e de carballos as flores

e os polbos de lumbrigantes

e de actrices os actores.