«En varias ocasións tiveron que ir ó monte para poder atopar uns madeiros cos que armar as porterías»
30 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Al principio las porterías eran de sacar y poner, ya que corrían el riesgo de que las robasen para encascar las redes, haciendo fuego con ellas». Así lembra Tinín aqueles comezos desta nova etapa ó longo dos anos cincuenta. Foi neste tempo cando se consolida o Campo da Igrexa como único e permanente feudo local.
No comezo, antes de que chegase a nova xeración de rapaces que transformaría para sempre o sentimento futboleiro, Tinín era a persoa que desempeñaba moitas das responsabilidades organizativas do club. Se ben Manolo de Raimunda exercía de adestrador estratega e Filadelfio de eficiente utillero, Tinín tiña que defender a meta do equipo ó mesmo tempo que se encargaba da venda de entradas vestido xa coa roupa de porteiro. Era tal a implicación que mesmo nalgunha ocasión tivo que ser reclamado polo árbitro dende o centro do campo para que puidese dar comezo o encontro. Tamén era unha das persoas que adoitaba baixar á praia de Corveiro cada vez (e eran unhas cantas) que o esférico remataba no mar, tendo que baixar ata a praia, espirse, mollarse, nadar para recoller o balón e logo volverse vestir para emprender o ascenso polo empinado barranco e poder continuar.
Non tiñan absolutamente nada. Cando comezaron a dar os primeiros pasos víronse na obriga de aproveitar as camisetas que utilizara a xeración anterior, aínda que como se pode apreciar nas diferentes fotografías da época, foron moitos os partidos onde se xogaba coa humilde indumentaria propia de cada quen. Co paso dos anos comezarán a empregar algunha camiseta de fútbol, mais non sería ata a seguinte década cando se normaliza o uso de vestimentas axeitadas para a práctica deste deporte. Mención aparte merece o calzado empregado. Facerse cunhas botas de fútbol era case impensable, así que saltaban ó terreo de xogo co que cadrase e mesmo tense dado a circunstancia de que algún xogador, como o caso de Agustín Traba Rey (Chilín) nun partido xogado nos Muíños, disputase a totalidade do encontro descalzo e sen que iso minguase en absoluto as súas hábiles dotes futbolísticas.
Como cabe agardar, a maneira de vivir os encontros daquela difire moito de como son afrontados na actualidade. Como xa se dixo, os vestiarios a pé de campo eran aínda un concepto totalmente descoñecido para aqueles mozos. Se ben durante todo o tempo no que se xogou no Campo de San Roque empregouse a tribuna nova da fábrica dos Ramallo, o reducido recinto do Campo da Igrexa non contou nunca cuns vestiarios establecidos de maneira continuada.
Cando se comeza a utilizar este terreo de xogo, os xogadores, se dispoñían de medios e material para facelo, mudábanse no Prado, único conxunto de vivendas próximas ó campo. Houbo incluso algunha ocasión na que usaron a horta amurallada da familia Ruíz situada a escasos metros da igrexa. Para poder asearse despois de xogar, se non o facían no Prado mesmo, aproveitaban a proximidade da praia de Corveiro ou ás veces ían tamén ós lavadoiros dos ríos que había nos arredores: o do Xurexano, aínda existente, e o do río Bao (coloquialmente coñecido como o da Collona), xa desaparecido e situado a uns cantos metros máis abaixo do anterior.
En varias ocasións tiveron que ir ó monte para poder atopar uns madeiros cos que armar as porterías. Nos primeiros prototipos das mesmas, os extremos superiores dos postes verticais tiñan forma de Y para que neles puidese descansar o madeiro horizontal. Nalgún que outro lance e debido á impetuosidade do xogo, ese madeiro ten saído do sitio causando magoaduras nas cabezas e algún que outro alarido nas bocas dos bravos xogadores que rondaban a área pequena. E iso que non resultaba doado ferir aquelas testas, xa de por si afeitas á ingratitude dos balóns de duro coiro e áspera amalloa. Pero unha cousa é ser bravo e outra ben diferente é non ter dereito a lamentarse un cando lle cae na cachola un madeiro como un animal. Todo ten un límite...
Fragmento de Balóns a Corveiro, Historia e Contrahistoria do Fútbol Fisterrán. Una obra publicada por Gabriel Riveiro, Bebeto y que se puede encontrar en la librería Agarimo y O'Kiosko, en Fisterra.