Nova na política, a súa loita no movemento asociativo fixo que a chamaran para o proxecto
13 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Estrella Vázquez naceu hai 43 anos en Laxe. É a presidenta da asociación SOS Bebés Robados, que loita dende hai anos por saber que pasou con nenos que desapareceron, ou lle foron substraídos ás familias, no momento do parto. É a única candidata da zona de Recortes Cero-Grupo Verde (posto 11), que se presenta por primeira vez en Galicia.
-¿Por que se meteu na política?
-Vén todo polo asociación. Quero axudar aos afectados por bebés desaparecidos. Temas de probas de ADN, xustiza, documentación... Todo empeza por aí, pero tamén pensando en facer cousas pola comarca.
-¿Foi iniciativa súa?
-Non, contactaron comigo, explicáronme como era o grupo e que se pretende. Ao principio estaba confusa, pola sorpresa. Nunca pensei en algo así. Pero aceptei.
-Ten que ser unha sensación rara.
-Claro, eu non estou posta en política, para min é todo novo ao 100%., pero traballarei para axudar en todo o que poida á xente que o necesita.
Cuestionario
1. ¿Cales son as súas propostas con respecto á autovía? Non é algo no que pensara moito, pero o que teño claro é que tería que chegar ata Fisterra, como foi concibida inicialmente. Para a Costa da Morte é algo moi bo.
2. ¿E sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte? Ten que facerse dunha vez, xa son moitos anos esperando. E tratar de conseguir que beneficie a todos os municipios con patrimonio.
3. ¿Que medidas contempla con respecto ao sector da pesca? Hai que facer algo, pero para todos. Necesitamos protexer aos grandes e aos pequenos. Non só a un sector. Todos deberían sacar algo positivo.
4. ¿E con respecto ao agro e ao despoboamento do medio rural? Xerar incentivos para evitalo. Non é doado, xa o estamos vendo, porque a xente marcha para onde hai traballo, onde hai futuro. Buscar alternativas é crucial.