O investigador e catedrático na USC Augusto Pérez Alberti participa hoxe nunha mesa redonda sobre os Penedos de Pasarela e Traba
01 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Abondan só uns intres de conversa con Augusto Pérez Alberti (Tortosa, 1947) para percibir a súa fonda paixón pola natureza, polo territorio, polo paisaxismo. Experimentado investigador e catedrático de Xeografía Física pola Universidade de Santiago, Augusto foi o encargado de redactar, no seu día, o informe que deu impulso á declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como Paisaxe Protexida. Feito decisivo do que falará hoxe na mesa redonda conxunta entre Vimianzo e Laxe que albergará o Museo do Mar, e na que tamén tomarán parte o escritor e historiador Xosé María Lema, o xornalista Juan Ventura Lado e o alcalde e concelleiro de turismo.
-¿Qué temas tratará esta tarde?
-Falarei un pouco de cómo se formaron os Penedos, qué factores interviñeron na súa xénese e de qué maneira, despois dun longuísimo proceso de millóns de anos, se acabou convertendo nun conxunto de formas realmente extraordinarias. É un auténtico museo ao aire libre. Supoño que a parte técnica e xeolóxica non será o que máis interese ao público que asista, pero si seguramente a riqueza que alí hai.
-¿Cantas formacións hai contabilizadas até o de agora?
-Pois precisamente para esta conferencia tiven a paciencia de debuxar, mediante un sistema de información xeográfica, aquelas formacións que podían verse mediante unha ortofoto. En apenas uns días debuxei 6.400 formas, e iso que só pintei as que era máis doado de identificar a súa forma. Hai moitísimos máis penedos. Formas singulares, evidentemente, hai menos, pero a variedade é verdadeiramente incrible e o seu valor inmenso. Isto chega a estar noutro país -máis amante do medio e da natureza - e estaría mellor aproveitado.
-¿Qué pasos habería que seguir para a súa posta en valor?
-Lembro que naquel momento se lle prometera aos veciños unha aula de interpretación, aínda que despois quedou todo en nada. Como tamén os plans de conservación e impulso comprometidos pola Xunta. Non fan falla grandes obras, pero é que nin sequera hai unha guía informativa.
-Nomea as «grandes obras». Xa anteriormente ten falado do desartellamento do territorio e dos «gazapos» urbanísticos.
-Hai unha gran falla de planificación: eses paseos marítimos que pasan practicamente por enriba do mar, esas grandes obras hidráulicas que acabaron co sistema de aporte de areas ás praias, esas grandes infraestruturas para as cales non se tivo en conta as paisaxes polas que pasaban... Moitas desas «burradas» veñen da Administración, non dos paisanos.
-¿Debe o ente público asumir a posta en valor destes espazos?
-Eu son moi crítico coa Administración galega: aquí non existe política ambiental ningunha. Levo moitos anos traballando en espazos naturais como as Cíes, e dubido que a mellor maneira de protexelas sexa deixar entrar a tanta xente. Denunciei no seu día, tamén, os riscos nas Catedrais e por desgraza acertei. Outórganselle a estas zonas unha figura de protección ou de interese, pero todo queda aí.
-¿Actúase demasiado tarde?
-No referido á lei de montes, levo moito tempo dicindo, e expliqueino cando me chamaron para a comisión de incendios, que o primeiro que había que facer para previr os lumes era detectar as zonas de risco. Deixar de lanzar leis que son imposibles de levar a cabo, como o feito de que sexan os veciños os que teñan que limpar os montes: as propiedades están moi repartidas e multitude persoas maiores non teñen nin cartos nin posibles para cumprir esa lei. Eu, por exemplo, non sabería dicir onde están todos os montes dos meus pais.
En canto aos Penedos de Pasarela e Traba, hai unha serie de recursos (proximidade da costa, lagoa de Traba...) que non estamos aproveitando dun xeito sostible.
-Hai, entón, alternativas para a súa posta en valor.
-Ligándoos a outros recursos, eu creo que si. Ten moitísimo potencial. Tamén é interesante que se involucren os concellos e comecen a demandar atención por parte da Administración. Está claro que non vén todo o diñeiro de repente, pero paso a paso lógrase potenciar estas zonas rurais que esmorecen.