Xan Fernández Carrera, presenta hoxe a obra sobre o fotógrafo: 19.00 horas, Museo do Mar de Laxe
10 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Na nosa Costa do Solpor, por sorte, aínda queda algún tesouro por descubrir. Curiosamente, no caso que nos atinxe, non se trata nin dun petróglifo nin dun resto megalítico, senón dun arquivo fotográfico, composto por milleiros de imaxes nas que se recolle a historia da paisaxe e da xente das comarcas Terra de Soneira e Bergantiños. Trátase do fondo fotográfico de José Vidal García, de quen este 2018 se cumpren 30 anos do seu falecemento. O reporteiro laxense chegou a ser un persoeiro moi popular entre a xente desas dúas comarcas, pois rara é a familia que non conserva na súa casa algunha foto da súa autoría. Non obstante, resulta moi pouco coñecido fóra deses lindes comarcais.
Durante máis de 50 anos exerceu a profesión de fotógrafo; primeiro na súa vila natal de Laxe, e máis tarde, na de Corme, situada na outra banda da ría. Como todos os fotógrafos do seu tempo, desprazábase polos lugares da contorna para desenvolver o seu oficio. Ben trasladándose a aqueles sitios que o reclamaban, ou ben a aqueloutros nos que se concentraba a xente, como sucedía nas festas patronais, nas romarías próximas ou nas feiras da redonda, espazos todos eles nos que sabía que ía atopar clientela. A través da súa obra comprobamos a súa presenza, entre outros moitos lugares, nas romarías de Santo Hadrián de Malpica, Nosa Señora do Faro de Brantuas, San Fins do Castro, Carme do Briño ou nas feiras da Trabe (Ponteceso) e de Baio. Tivemos a gran sorte de que este profesional da fotografía apreciara a súa obra e tivera o gran acerto de gardar ao longo da súa vida os negativos que foi utilizando; así como todas aquelas fotos en papel que lle foron quedando, a maiores das que lle entregaba aos seus clientes, conseguindo deste xeito crear un dos arquivos fotográficos máis grandes de Galicia. Todo este material gráfico, tralo seu falecemento en 1988, pasou a mans dos seus descendentes, e despois de 20 anos de permanecer no seu poder, foi cedido polo seu xenro Vicente Álvarez Rodríguez e os descendentes deste e da filla do fotógrafo, Elba Vidal Eiroa, no ano 2008 ao concello de Laxe, pasando a formar parte dos fondos do Museo do Mar que hai nesta vila costeira.
Ese inmenso arquivo, composto por máis de 60.000 unidades fotográficas, entre negativos de cristal e plástico e positivos en papel, despois de ser clasificado e dixitalizado, permanece nun local situado no baixo do concello de Laxe. Neste 2018, declarado polo concello laxense como Ano Vidal, realizáronse unha serie de actividades por parte da concellería de Comercio, Hostalería e Turismo, coa finalidade de dar a coñecer a figura e a obra deste fotógrafo, non só ao público da Costa da Morte, senón tamén ao do resto de Galicia. Para iso organizáronse conferencias de expertos sobre a historia da fotografía e publicouse o libro José Vidal, unha vida dedicada á fotografía, no que se recolle a biografía deste destacado retratista e unha escolma da súa obra formada por unhas 500 fotos, clasificadas segundo a súa temática: vilas, sociedade, infancia e escola, traballos, mar, festas e romarías e fútbol. Ademais, tamén se levará a cabo unha exposición dunha selección de fotos ampliadas que aparecen no libro, acompañada dun tríptico, que de xeito resumido, recolle unhas pinceladas da biografía e obra deste artista. Exposición que naceu coa intención de mostrarse dentro deste noso territorio, pero tamén de traspasar a súas fronteiras.
Vidal é un dos nosos grandes fotógrafos, pero pouco coñecido fóra da contorna na que practicou a súa profesión. Que nós saibamos, tan só foi entrevistado unha vez por un medio de comunicación, que foi a reportaxe que lle fixo o periodista Antonio Mariño, publicada na revista Antena Dominical de La Voz de Galicia, o 10 de xaneiro de 1982. A súa obra nunca foi exposta fóra da súa vila natal, o que explica o descoñecemento para o gran público. De aí a necesidade de espallar a figura deste gran fotógrafo e da súa extensa obra, que representa a máis valiosa documentación para coñecermos a historia do século XX das comarcas bergantiñá e soneirá, e na actualidade constitúe un dos prezados tesouros patrimoniais dos que dispoñemos na Costa da Morte.
Hoxe, en Laxe, presentación
Presentación do libro «José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía», da autoría de Xan Fernández Carrera. 19.00 horas?.Museo do Mar?.?Tamén se inaugurará unha nova exposición con imaxes do Fondo Fotográfico Vidal, que pasará a constituír a primeira mostra itinerante do Museo do Mar.