O galego de Laxe

Xosé Manuel Pose

LAXE

16 may 2023 . Actualizado a las 22:05 h.

Lingüisticamente, a zona de Laxe atópase dentro do denominado bloque occidental que está delimitado polas isoglosas “patróns/patrós” e “irmán/irmao”e caracterizado, a grandes rasgos, polos seguintes fenómenos: seseo, gheada, plurais en “-ns”, terminación “-án” para os dous xéneros (meu irmán, miña irmán). Dentro deste bloque, a fala de Laxe está incluída na chamada área fisterrá, subárea fisterrá norte, que presenta os seguintes rasgos máis significativos: seseo total (implosivo: des por dez; explosivo: vesiño por veciño); uso do diptongo -ui- (muito no canto de moito ou truita no canto de troita); terminación -iu para a terceira persoa dos perfectos dos verbos da 2ª e 3ª conxugacións (collíu, vendíu, partíu); cheísmo: uso do pronome “che” para o dativo e o acusativo.

Na fala de Laxe, e no que se refire ó vocalismo (o sistema vocálico galego consta de 7 fonemas: un de abertura máxima (/a/), dous de abertura mínima(/i/ e /u/) e catro de grao medio (e: aberto e pechado / o: aberto e pechado) temolos seguintes fenómenos: Metafonía nominal (dise pesca con e aberto cando é con e pechado); existe tamén a evolución en -ui- de palabras que etimolóxicamente son en -oi-, como é o caso de muito, mui, truita no canto de moito, moi, troita; dase a perda do wau nos grupos consonánticos qw, gw seguidos de vocal -a: en Laxe díse correctamente catro e cando ó contrario que nas zonas do galego oriental e do sur de Ourense que din “cuatro” e “cuando”; tamén aparece esporádicamente alguna disimilación (dise impresa no canto de empresa) e dáse tamén a parágoxe (ou aparición dunha vocal ao final dunha palabra: poise, despoise…)

En canto ó consonantismo (o sistema consonántico galego ten 19 fonemas que se diferencian entre sí tendo en conta o modo e o punto de articulación e a condición de fonema xordo ou sonoro) témolo uso de Gheada, que, xunto co seseo, é a variante fonética máis importante do galego e que consiste na pronuncia do -g- como unha aspirada, xeralmente farínxea que se rexistra en calquera posición (amigo, ghato, aghradable), aínda que esa aspiración, na fala de Laxe e en tódalas falas da costa da Coruña e Pontevedra, perdeuse para para presentarse como unha aproximación ó sonido -j- castelán (amijo, jato, agradable).

Basilio Bello

No que se refire ó seseo, e dentro lóxicamente do consonantismo, hai que decir que consiste na ausencia dun fonema -c- castelán (cepillo, cima) ou -z- e no cante dese fonema a aparición dun -s-. O seseo pode ser de dous tipos como xa teño explicado anteriormente. En Laxe dánse ámbolos dous tipos polo que se pode afirmar que se da o seseo total. Temos tamén no galego de Laxe algún que outro yeísmo, que consiste na articulación do fonema palatal lateral “ll” como fricativo medio palatal sonoro /y/: “coyer” “fayar”,….

No que se refire á morfosintaxe, aparecen na fala de Laxe os seguintes rasgos: en canto ó sustantivo: faise o plural en -ns, propio da área coincidente coa normativa oficial, de patrón-patróns frente a patrós ou patrois doutras zonas.

O adxectivo é empregado correctamente en Laxe nos seus distintos graos e no tocante ó artigo émpregase en Laxe maioritariamente a chamada 2ª forma do artigo (biralos aparellos, mantela familia) que é o uso coincidente coa norma oficial (no canto de pronunciar birar os aparellos ou manter a familia). Empréganse tamén as contraccións do artigo coas preposicións (ás seis da mañá, no que cabe, po mar, pro meu entender) No que se refire ó pronome, empréganse correctamente os persoais e os demostrativos aínda que nestes últimos non se rexistran en Laxe as formas neutras isto e iso e tamén se da adecuadamente o uso dos pronomes indefinidos e numerais.

No uso do verbo témola forma normativa “haxa” frente ás minoritarias e non normativas “haiba” “haba” “haixa” ou “haiga”. Dase en Laxe dentro do verbo un fenómeno moi típico da zona: na frase “….si fallara a volanta, poise….botaríanolas volantas en terra e…” podedes ver que se usa “botaríanos” con -n- en vez da forma correcta “botaríamos” con ?m-. Úsase a forma correcta “inflúe” frente a outras zonas que dín “influye”.

ANA GARCIA

No referente ós adverbios altérnase o uso dos de cantidade “máis” e tamén as formas “despois” “despoise” e “despós”. Nas preposicións aparece o uso de “po” como forma reducida de “para o” e “pa” en vez de “para”, dándose tamén no galego de Laxe elisións vocálicas regresivas “pro meu entender” “vou para casa”. No que respecta ás conxuncións é frecuente a alternancia da forma reducida “pos” con “pois”, sendo típico da zona a elisión de “pois” con “si” dando “posí”. E polo que ó léxico se refire aparecen, no galego que se fala en Laxe, gran cantidade de castellanismos (bueno, ayuntamiento, nadie, vamos por imos, ahora, etc); vulgarismos (apócopes: “realidá” en vez de “realidade”); parágoxes (“despoise” e “poise”) así como gran cantidade de dialectalismos (seseo, gheada, etc).

Este é o resumo deste traballo de dialectoloxía do galego que se fala en Laxe, ancestral galego da miña vila, galego de berce, materno e paterno, ó que hoxe todos estamos na obriga de defender como línguasecular e florescente, que está sometida desde séculos e especialmente hoxe en día, a un proceso de progresiva degradación e esmorecemento que amenaza a súa propia supervivencia, precisamente na súa terra de nacemento, cuestión que moitos e moitas non imos permitir.