O cociñeiro Miguel Mosteiro: «A lonxa de Laxe é especial polo xeito de tratar o peixe e pola variedade»
LAXE
Gentes del Finis Terrae | Esta fin de semana dirixirá talleres gastronómicos e a degustación dun menú
02 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Miguel Mosteiro (Cambados, 1971) será un dos protagonistas das xornadas de pesca artesanal No mar da lonxa de Laxe que se van celebrar a fin de semana. Vaise ocupar, como na primeira edición, dos obradoiros gastronómicos para nenos e maiores e para a exaltación gastronómica dos produtos que se poden atopar no día a día da rula.
—En que vai consistir esta novidade?
—A xente poderá recoller bandexas de madeira conmemorativas por só 15 euros que levarán navallas, peixe da lonxa en fritura e cachelos de Coristanco.
—Que peixe vai empregar?
—Eu compro habitualmente na lonxa de Laxe e dependerá do que haxa. Eu recibo tódolos días unha listaxe do que hai, pero agora estamos en tempo de peixe azul como a xarda, o xurelo e a sardiña e mesmo algo de bonito, pero tamén hai habitualmente alfóndigas, dourada, sargo, raias e polo que respecta ao marisco hai navalla, algún boi.
—Que ten de particular esa rula?
—A lonxa de Laxe é especial polo xeito de tratar o peixe e pola variedade. É curioso como os mariñeiros colocan e coidan moi ben os produtos. Iso cambiou moito nos últimos años, estanse dando conta de que é moito mellor e tamén para nós, porque á hora de mercar sabemos que estará en moitas mellores condicións.
—Unha das actividades son os obradoiros de cociña para nenos, aos que tradicionalmente non lles gusta demasiado o peixe.
—Non creo que queden xa moitas prazas para participar porque é unha actividade que ten moito éxito. A lonxa de Laxe pode considerarse un exemplo porque leva anos desenvolvendo campañas nos centros educativos, como Os peixes van á escola. O que se busca é que os rapaces aprendan a cociñar e que tamén poidan degustar o que están a facer. Facemos elaboracións que lle poidan gustar aos rapaces e o 99 % repiten. Énchense os talleres e os nenos non só se divirten senón que se animan a probar cousas novas porque están todos xuntos e se ven ao do lado que proba algo acaban facendo o mesmo sen necesidade de obrigalos.
—Cal á a finalidade das xornadas?
—En principio, poñer en valor o produto e cando fas iso tamén estás conseguido que se dea máis importancia ao traballo dos mariñeiros da pesca artesanal. É un xeito de manter viva a tradición. Esta é unha lonxa pequena, pero con moita variedade.
—Pódese dicir que a xente que vive na Costa da Morte e nos pobos pesqueiros pequenos é afortunada?
—Somos moi afortunados. Eu viaxo moito e para nós é moi normal ter acceso a certos peixes que non chegan a todas partes, que só se poden consumir aquí porque hai moi pouca cantidade. Valoramos este tipo de produtos moito máis cando estamos fóra e non podemos ter acceso, porque ese tipo de peixes non chega a outras latitudes.
—Xa sabe que especies e preparacións vai incluír nos obradoiros e nas degustacións?
—Aínda estou vendo, pero vai depender do que haxa, haberá que adaptarse. Cara a fin de semana espérase bastante nordés, polo que teremos que abastecermos antes.
—O programa vai ser semellante ao do ano pasado?
—Si, aínda que haberá novidades, como a degustación do menú pechado polo prezo de 15 euros nada máis e o nomeamento de embaixadores do peixe e o marisco. Imos repetir a poxa para mostrar todas as variedades que se poden atopar normalmente.
Sábado. Haberá talleres gastronómicos para nenos e adultos e unha mesa redonda sobre os beneficios do consumo de peixes a mariscos.
Domingo. A xornada centrarase na exaltación gastronómica dos produtos da lonxa, cun menú de 15 euros.