Olaia Maneiro: «Sinto que o meu corazón sempre formará parte de Caldebarcos»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Olaia Maneiro actuou coas Tanxugueiras no Asalto ao Castelo de Vimianzo o pasado verán
Olaia Maneiro actuou coas Tanxugueiras no Asalto ao Castelo de Vimianzo o pasado verán Basilio Bello

A remollo | A integrante das Tanxugueiras tamén coñece ben o longueirón fisterrán, a praia de Laxe ou o dolmen de Dombate

28 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Olaia Maneiro (Teo, 1990), unha das tres integrantes das Tanxugueiras, acudiu xunto con Aida Tarrío ao arranque das festas do Carme, en Camariñas, con motivo da distinción de Camariñán do Ano para o seu compañeiro de formación, o músico Carlos Barcia (xunto co seu irmán Fran). Tamén actuou co seu grupo nas Carrilanas de Esteiro.

—Como está sendo o seu verán?

—Un pouco máis tranquilo en comparación cos últimos, pero igual de emocionante. Precisabamos parar un pouco para compoñer e para sacar cousiñas novas, desfrutar un pouco dos nosos e coller forzas para todo o que vén.

—Polo momento, coas Tanxugueiras, xa tivo moito de emocionante: colaboraron con Arde Bogotá e Andrés Suárez, actuaron en La Velada no Bernabéu...

—A verdade é que con Tanxugueiras todo é emocionante. Enfrontámonos a novos retos e novas sensacións constantemente, e iso é algo que me emociona moito. Compartir momentos con compañeiros e compañeiras da industria é algo que nos aporta moitísimas cousas bonitas.

—Como lle gusta desfrutar desta estación?

—A verdade é que é a miña preferida. Encántanme os festivais, facer cousiñas ao aire libre. Pero son das que lle atopa o encanto a calquera estación e momento da vida.

—Témola visto, incluso, en «Recantos» do Luar coa cantante Laura Añón, á que tamén visitou en Carballo.

—Depende un pouco do traballo, pero a verdade é que o Luar forma parte da miña vida. Sinto que xa é o meu fogar e, sempre que podo ir, acóllenme cos brazos abertos.

—Como leva a nivel persoal o gran salto experimentado nos últimos dous anos e medio?

—Estou moi feliz e moi agradecida por todo o que estou a vivir. Desfruto de cada oportunidade que me está dando a vida, porque estou vivindo algo que non imaxinaría nin nos meus mellores soños.

—A música tradicional galega vive un gran momento.

—Todo e cíclico. A cultura e a tradición pasou e pasa por moitas fases. Temos que agradecer a toda esa xente que loitou durante moitos anos para que non morrese. Moitos grupos e asociacións tradicionais traballaron duro para que hoxe poidamos desfrutar de todo o que temos. Estou moi feliz por este momento que estamos a vivir e espero que dure moito tempo.

—E que tal foi a visita a Camariñas?

—Non quedamos á festa porque tiñamos outro compromiso, pero a verdade é que nos encantaría. Teño que recoñecer que se xa tiñamos amor por Camariñas, Carlos fixo que sentiramos todo con moita máis intensidade. É impresionante e fermosísimo o amor que ten el pola súa terra.

—Foi todo un detalle acompañalo.

—A nosa equipa e todos os que comparten traballo con nós son a nosa familia. Non considero que fose ningún detalle especial acompañar a Carlos nun día especial. Simplemente, devolvémoslle todo o que fai el diariamente por nós, que é moito!

—Teñen actuado no Asalto e no San Xoán de Carballo. Algún recordo que lle veña á mente?

—A verdade é que a experiencia sempre é impresionante. O trato da xente, o respecto, o amor… Non sabemos como devolver todo o que nos dá a xente. Sentimos que temos o corazón cheo de amor.

—Se ten que quedarse con algo da Costa da Morte, que diría?

—A verdade é que lle teño un amor especial a Caldebarcos, en Carnota. Sinto que o meu corazón sempre formará parte desa terra. Se penso nun lugar, seguro, sen dúbida, é ese.

MÁIS DE PRETO

Cando foi a última vez que comeu sardiñas con cachelos? A noite de San Xoán. Encántame o peixe. Comeríao todos os días da miña vida.

Onde está o Cemiterio dos Ingleses? En Fisterra.

Onde desemboca un río en fervenza, caso único en Europa? O Ézaro! Son unha esperta en todo o que rodea a Carnota, je je.

Probou os percebes do Roncudo? Nunca os probei, pero agora acabas de desbloquearme unha necesidade. Da semana que vén non pasa! Coñezo esa zona e, a verdá, é que desfruto de toda ela.

E o longueirón de Fisterra? Si! E está riquísimo!

A quen corresponde a autoría do Himno de Galicia? A Eduardo Pondal.

Bañouse na Praia dos Cristais? Pois non, non me bañei aínda, pero vou moito por esa zona. Pero si que xa o fixen na Praia de Laxe.

Cal é a catedral do megalitismo galego? En esta píllasme, pero vou agora mesmo buscalo! Ja, ja. Hai pouco visitei o Dolmen de Dombate.

Bingo!