«Eu son cantareira galega, que non é o mesmo ca ser cantante»

ANDREA ANIDO, X. A. CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

A intérprete coruñesa Sés actuará o vindeiro sábado na Carballeira de Zas a partir das 22.30 horas

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Silvar (A Coruña, 1983), máis coñecida como Sés, actuará esta fin de semana na Carballeira de Zas. Concretamente, o sábado 1 de agosto a partir das 22.30 horas. Esta cantautora, que comezou a súa carreira musical galaica no ano 2007, está considerada como unha das promesas musicais do panorama galego actual.

-¿Por que lle chaman Sés?

-Chamábame así miña nai dende cativa porque en Bergantiños é común o de crear o diminutivo. Ao ser María Xosé, un nome composto que se fai longo, era máis sinxelo chamarme Sés e ao final todo o mundo me empezou a coñecer por ese nome.

-¿Cre que foi unha aposta arriscada emprender unha carreira musical só en galego?

-Por suposto que non. Eu sempre fun consumidora do xénero musical en galego e quixen formar parte del. Como sempre digo, son galega e por iso canto en galego. Igual que os que falan inglés cantan en inglés. Sen máis.

-¿E como sinte a aceptación das súas cancións por parte do público?

-Percibo que entenden o que escribo da mesma forma ca min e é a mellor sensación que se pode ter.

-¿Gústalle actuar na Costa da Morte?

-Moitísimo. A miña familia é de Berdillo e por iso teño un vínculo especial con esa zona, sobre todo a bergantiñán. As mulleres de por aí son por excelencia fortes e síntome moi identificada.

-Actuou o pasado sábado no Nordestazo en Malpica de Bergantiños. ¿Como foi a experiencia?

-Moi boa. O cartel era espectacular, había formacións moi talentosas. É un auténtico pracer tocar no mesmo escenario ca Siniestro Total, un dos meus grupos musicais favoritos. Ademais, o lugar é precioso, co mar bravo en fronte, e cunha compañía exquisita. Había moita xente querida presenciando as actuacións.

-A vindeira fin de semana estará na Carballeira de Zas. ¿Como afronta esta actuación?

-Trátase dunha festa onde teñen cabida os cantares e estou moi contenta de ir. Cando me din que son cantante eu afirmo que non me sinto identificada. Eu son cantareira galega, iso si. Polo tanto, a Carballeira de Zas adáptase perfectamente aos meus gustos musicais e non defraudará.

maría xosé silvar, «sés» ARTISTA musicAL galega