Un século do pasamento do malpicán Anselmo Villar Amigo

Xurxo Alfeirán Chouciño

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Nacido en 1850 e falecido en Bos Aires, foi o maior filántropo e benfeitor que ata o momento deu a vila

21 may 2018 . Actualizado a las 09:28 h.

O día 10 do presente mes cumpriuse o centenario do pasamento do malpicán Anselmo Villar Amigo, ocorrido na cidade arxentina de Bos Aires. Para as novas xeracións de Malpica poida que este nome lles soe familiar só por se referir á céntrica rúa da vila, ou porque nela hai unha fonte coa mesma denominación. Con este artigo quero contribuír ao coñecemento deste persoeiro, ao meu entender, o maior filántropo e benfeitor que ata o momento deu esta vila.

Repasando bibliografía e datos veciñais e familiares, descobre un con satisfacción que Anselmo

Villar Amigo foi un neno nacido en Malpica no 1850, fillo de Ramón Jacobo Villar Moreno -secretario do xulgado municipal- e de Fermina Amigo Pose, e que, con 12 anos non cumpridos, emigrou a Arxentina reclamado por un familiar seu, cura nunha parroquia bonaerense.

Villar Amigo, sen termos constancia de que tivese realizado estudos medios e superiores, se converteu nun emprendedor empresarial que fixo fortuna naquel país (director da Cámara de Comercio e do Banco de Galicia y Buenos Aires, Presidente do Banco Español del Río de la Plata e da empresa de aceiro La Cantábrica, e da fábrica de bolsas La Primitiva, entre outras moitas), e que chegou a ser un afamado político estranxeiro na cidade de Bos Aires e, a intervalos, nun deputado cunero do Parlamento Español polos distritos de Corcubión e Muros. E nun filántropo que aliviaba imperiosas necesidades económicas de xente necesitada a este lado e ao outro do Atlántico, e nun amigo incondicional que aconsellaba e facilitaba postos de traballo aos emigrantes galegos que recalaban naquela cidade porteña, e nun xeneroso contribuínte económico de causas nacionais españolas, ou nun loitador incansable por fundar entidades sociais e benéficas para beneficio dos traballadores emigrantes de ultramar.

Todos estes datos, excesivamente resumidos, e outros que por motivos de espazo non caben neste artigo, poderían ser temario suficiente para encher un libro biográfico sobre tan ilustre personaxe. Pero corresponde neste momento facer memoria do impagable labor benfeitor realizado en Malpica naqueles precarios anos de finais do XIX e principios do XX.

Cóntase del que lle dicía aos emigrantes chegados a Arxentina a seguinte frase: «Hay que trabajar y ser honrado y bueno y acordarse de los que han quedado por allá».

Afondando na súa biografía, poderiamos dicir que este foi o seu lema, e que el aplicou de maneira especial con Malpica en diferentes e numerosas doazóns.

«Foi un amigo incondicional que aconsellaba e facilitaba postos de traballo aos emigrantes que recalaban aló»

Dicíalle aos que chegaban a Arxentina: «Hay que trabajar y ser honrado y bueno»

Fonte, varadoiro, praza, escola e virxe

 

 

En outubro de 1896 adianta 30.000 reais para a realización dunha fonte no centro da vila mentres se tramitaba o expediente de expropiación dos terreos ante o Goberno Civil. En agosto de 1897 iníciase a montaxe arquitectónica que remata mes e medio despois. Dispoñía dun reloxo de pesas con campá, dous farois de acetileno nos extremos da bancada en semióvalo e dous canos que recibían a auga canalizada desde os pozos do Regueiro.

Ante a negativa da Administración estatal por darlle ao porto unha seguranza, o Concello de

Malpica -con materiais e man de obra- e a achega económica de Anselmo Villar acometen no 1898 o inicio das obras da rampla-varadoiro de embarcacións, no soar que hoxe é Casa do Pescador.

Ao mesmo tempo, constrúese o Murallón da Ribeira, lugar de encontro e conversas mariñeiras; así como o empedrado desde a Fonte ao Cruceiro da rúa Portobello, nome que daquela levaba a vía principal da vila. As obras rematarían en setembro de 1904 coa presenza en Malpica do seu benfeitor.

Nas festas grandes do Corpus de Malpica, en xuño do ano 1900, despois da misa cantada con participación do tenor malpicán Ignacio Varela Novo, Anselmo e a súa dona anuncian a doazón de 4.000 pesetas para a construción dun mercado de abastos para a vila. Considerouse apropiado o terreo lindeiro coa fonte, hoxe soar da Casa do Concello, iniciándose o expediente de expropiación do terreo que remataría no 1903. O proxecto Provincia de La Coruña. Proyecto de construcción de un mercado en la villa de Malpica. Donante: D. Anselmo Villar Amigo. Año 1900, estaba asinado polo aparellador Anselmo Racedo e polo arquitecto Antonio de Mesa, e presentaba dúas propostas diferentes para os 223,78 metros cadrados, segundo plano, escolléndose o formato da esquerda: cuberta de tella con reixa de ferro sobre base de cachotería.

En maio dese ano, Anselmo vai estar no acto de colocación da primeira pedra, así como na inauguración en setembro de 1904. A praza de abastos non tivo éxito entre os malpicáns, que preferían vender na rúa como tradicionalmente facían. No seu lugar, Anselmo custeou o derrubo do mercado e mandou construír no seu lugar un edificio para escolas de nenos e nenas, que empezou a funcionar no ano 1914, sendo os primeiros mestres Ramona Criado Orellana e José Balboa.

Igrexa parroquial

Nunha das moitas viaxes por Europa, no ano 1885 mercou nunha poxa en París a imaxe da Virxe do Carme que preside o lateral dereito do altar da igrexa parroquial malpicá. En todas as viaxes por España acudía á súa casa de Malpica, edificio actual do Café-Copas Don Paco, e nunca se foi sen socorrer necesidades económicas dos máis necesitados. Non tivo descendencia directa, polo que adoptou a Adela, filla da súa irmá Carmela, que casaría co madrileño Marqués de Polavieja. Martínez Morás dixo que era «un gallego argentinizado y el español más conocido en Buenos Aires». Foi soterrado no cemiterio bonaerense do Norte, nun sentido acto presidido polo embaixador español Soler Guardiola, con loas de Lorenzo Ruiz e López de Gomara, perante unha nutrida colectividade galega e arxentina.