«Non é por nada, pero o himno do Malpica é moi bo, gústame moito»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

O centro cívico acolle hoxe (21.00 horas) a presentación de «Ondas do Mar» e as homenaxes a Tino e Manolito

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«As nosas cores azul e branca...». Así arranca o himno do Malpica, que hoxe presentarase no auditorio do centro cívico, a partir das 21.00 horas. Este acto servirá tamén para render un emotivo tributo a dúas persoas que o deron todo polo Malpica: Celestino Chouciño Chouciño, Tino, e Manuel García Vázquez, Manolito. Un dos promotores da iniciativa é José Fernando Couto García (Malpica, 1960). Exedil entre 1995 e 2007, é autónomo dende 1986 e directivo do Malpica dende hai 23 años. Cóbado con cóbado co presidente, Manuel Suárez Cotelo, ambos deixarán os seus cargos directivos, pero seguirán sentindo como o primeiro día as cores azul e branco... do Malpica, como indica o seu himno.

-¿Como xurdiu a idea de crear un himno?

-Foi en agosto do 2016. Atopeime con Tino, que fora presidente entre os anos 1984 e 1989, e falamos da idea. Entre el e Enrique Delgado comezaron coa letra e a música. Tiñan xa unhas pinceladas feitas, pero Tino faleceu no 2016 o mesmo ano que Manolito.

-¿E que fixeron entón?

-Eu fixera unha promesa de que o Malpica tería o seu himno. Entón falei con Carlos Fidalgo, un dos integrantes dos Tres de Malpica xunto con José Otero e Manuel Arcay. Falei con el, e expliqueille o que queriamos e Carlos púxose a traballar. Tiña a letra e parte da música e con esa base rematouse o traballo.

-¿E que lle parece?

-Non é por nada, pero o himno do Malpica é moi bo, quedou moi ben, a min gústame moito. Reflicte todo o que representa o Malpica como club.

-¿Que leva o cedé que presentarán no centro cívico?

-Leva tres cancións en galego e catro en castelán. En castelán temos La media vuelta, Si tu me dices ven, El reloj e En mi viejo San Juan. En Galego van Malpica ten todo, Malpica dos meus amores, A malpicana e o himno do Malpica con letra e música e so instrumental.

-¿Cantos cedés porán á venda?

-Uns cincocentos, a dez euros cada un.

-¿Que representaban e representan Tino e Manolito para o Malpica?

-Todo. Eran unhas grandes persoas, moi queridas e sempre estiveron a disposición do club. Esta homenaxe é o mínimo que se lle pode facer a dúas persoas que deron moito tempo das súas vidas polo Malpica. Nunca dixeron que non a nada e sempre colaboraron en todo. Son dúas grandes perdas como persoas. Eles forman parte da historia viva do club. Fixeron de todo. Lembro cando no ano 1970 se compraron os terreos para facer o campo da Pedra Queimada. Con eles estiveron tamén Pedro Varela Varela, Rafael Hombre Pombo, Germán Abella Chouciño (Gelucho) e Jesús López Mato (Chucho do Muiñeiro).

-E xusto agora que presentan o himno deixan a directiva.

-Creo que é o momento de apartarse e deixar que outras persoas, con outras ideas, leven as rendas do Malpica. Iso é moi bo, pero sempre estaremos alí cando os que collan o club proximamente precisen da nosa axuda. E algo así como unha forma de deixar a primeira liña de combate, pero non da fronte.