«É un reto e unha ilusión poder representar ao pobo de Malpica»

MALPICA DE BERGANTIÑOS

«Levo xa un tempo fóra da confraría, pero dáme moita mágoa a súa situación tan delicada», asegura Walter Pardo, candidato polo PSOE á alcaldía deste municipio
15 jun 2019 . Actualizado a las 13:12 h.Di que despois da súa familia, a Asociación Cultural Malante é o seu «olliño dereito», pero tamén ten claro que non quere, «baixo ningún concepto», que se vincule a entidade que preside dende a súa fundación, en agosto de 2003, con siglas políticas. Walter Pardo Añón (Malpica, 1978) presume ademais de ser fillo directo da Constitución, xa que naceu un 6 de decembro. Agora dá o salto á política da man do PSOE.
-¿Preocúpalle que se vincule Malante ao PSOE?
-Si, e por iso quero deixar claro que Malante é unha asociación cultural de todos os malpicáns, que cumpre cun obxectivo moi claro: promover, difundir e defender o baile tradicional. Non quero política de por medio. Gobernou o PSOE e estaba Malante, agora goberna o PP e está Malante e quero que siga así para o futuro, pase o que pase en maio.
-¿É un marrón liderar ao PSOE local despois da caída en barrena dende as municipais de 2011?
-Non. Ao revés. É un reto e unha ilusión poder representar ao pobo de Malpica. Nacín en Malpica, vivo en Malpica e creei a miña familia en Malpica, e daríame moita mágoa ter que emigrar. Ese é un dos motivos que me levou a dar un paso adiante.
-¿Quen contactou con vostede?
-Foi Ramón Saleta [da xunta local socialista]. Propúxome o reto e despois de pensalo ben e de falalo coa familia dixen que si.
-¿Que lle din dende a agrupación provincial?
-Que estea tranquilo, que teño todo o seu apoio para o que precise, e iso, para un recén chegado, é un alivio.
-¿Déronlle carta branca para formar a súa propia lista?
-Si.
-¿Como será esa candidatura?
-Integradora. Quero equilibrio. Que haxa xente nova, con ideas, proxectos, traballadora, formada e implicada con Malpica, pero tamén quero xente con experiencia. A experiencia é moi importante á hora de tratar de resolver os temas importantes.
-¿Xa ten a súa folla de ruta definida e escrita?
-Agora, máis que falar de programas, quero falar de veciños. Da xente de Malpica, coa que vivo e convivo a diario. Como xa dixen, son de Malpica e teño a miña familia en Malpica e non me gustaría marchar de Malpica. Creo que Malpica precisa duns cambios importantes en servizos públicos, en economía e no eido social. Pero tamén digo que Malpica ten un gran potencial en todos os sentidos: turismo, pesca, agricultura, olería... E temos que saber explotalos.
-¿Cales son as súas prioridades?
-Dende logo ofrecer máis servizos. E cando falo de servizos non falo só do pobo de Malpica, senón tamén das parroquias. Falo de saneamento, por exemplo. E temos un gran potencial turístico, que aínda está sen explotar del todo. Creo que hai cousas que se poden mellorar.
-¿E a piscina?
-Eu son partidario de abrir a piscina porque é un servizo que melloraría a nosa calidade de vida. Eu teño unha familia e se quero ir á piscina, teño que facelo noutro concello cando teño unha ao lado de casa. A piscina serve para fixar poboación, porque tes un servizo público no municipio. Tería que ver en que situación se atopa, se hai que arranxar algunha cousa, pero a miña idea é abrila. Tamén teño claro que melloraría todo o relacionado coa sanidade e a educación. Son consciente que non son materias de competencia municipal, pero preocúpame que vai pasar o vindeiro verán co pediatra. Non pode volver a ocorrer o do pasado ano, é un servizo básico para as familias con fillos.
-¿Canto tempo traballou no sector pesqueiro?
-Estiven dúas campañas no cerco, seis anos ao polbo co meu pai e 14 de poxador, cinco deles como encargado da lonxa.
-¿Que valoración fai da delicada situación económica da confraría?
-Levo xa tempo desvinculado e loxicamente non teño información de primeira man da situación económica real. Si podo dicir que me dá moita mágoa cando falan da situación tan precaria que teñen, porque eu estiven alí moitos anos da miña vida e non me é algo alleo. Aínda lembro cando a lonxa estaba chea de turistas gozando das poxas, cando esa lonxa era un referente na costa... Pero creo tamén que a súa situación se pode reverter se hai unha vontade real de todas as partes implicadas.