Comunicado público de Alfredo Cañizo, edil de Festexos en Malpica

La Voz

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

O concelleiro independente fai varias aclaracións con respecto ás Festas de Santo Hadrián, celebradas a pasado fin de semana

20 jun 2023 . Actualizado a las 17:48 h.

Alfredo Cañizo Garrido, primeiro tenente do alcalde e concelleiro de Turismo, Festexos e Servizos do Concello de Malpica, a raíz dos comentarios que circulan polas redes sociais por mor da celebración das Festas de Santo Hadrián celebradas esta fin de semana, quere facer as matizacións ou aclaracións seguintes:

1.º A comisión de festas de Malpica, ACD Mallas de Area, é a que vén xestionando as festas da vila de Malpica nestes últimos anos coa colaboración do Concello, unicamente económica. Non participamos na organización nin no desenvolvemento das mesmas. É dicir, eles, baixo o seu libre criterio e albedrío, contratan orquestras, grupos, gaiteiros, etcétera, de forma reiterada, sen consulta ningunha co Concello.

2.º O concelleiro que subscribe o presente escrito colabora no seguinte: contratación de Policía Local de concellos limítrofes; valado da zona portuaria; Protección Civil; solicitude de autorización a Portos e pago das correspondentes taxas; pago da colocación da carpa; instalacións eléctricas e alumeados precisos e solicitados pola asociación; infraestruturas precisas (cabaletes, taboleiros, contedores, etcétera); contratación do servizo de ambulancia; colocación do palco; servizo de limpeza extraordinario, e permítese a colocación da barra na rúa principal pese a non ser do agrado de todos os hostaleiros.

3.º A comisión de festas, nestas últimas, solicitoume a colocación de «jaimas», concretamente de dez. Á vista do prognóstico do tempo, por parte deste concelleiro advertíuselles que debían colocar unha carpa coma sempre e non as «jaimas», sendo a resposta: «Queremos innovar». Accédese, pese a que o custo das «jaimas» (2.600 euros + IVE) é superior ao da carpa (2.400 + IVE), e que non se tiña o mesmo servizo.

Por todo o exposto, quero deixar claro que as decisións e as actuacións realizadas nas festas de Malpica son tomadas de forma unilateral por parte dos membros da comisión, que ao Concello unicamente se dirixen para que se presten as colaboracións e os servizos indicados, asumindo todos os custos o propio Concello.

Así mesmo, dende a miña concellaría, neste novo mandato que iniciamos, vou levar a cabo as xestións precisas para recuperar as festas que se facían de forma tradicional e co consenso de asociacións, hostaleiros e o propio criterio do Concello, que considero que é o que se debe facer.

Dende aquí quero facer un chamamento a que por parte da comisión de festas se asuma a responsabilidade das decisións adoptadas e non facer coma de costume, agachar a cabeza e difundir sempre o rumor de: «A culpa é de Cañizo», que neste caso non tomou ningunha decisión, simplemente o Concello colabora e cumpre no que lle solicitan.