Os resultados do xeorrádar van marcar unha folla de ruta
02 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.De querermos, a Croa do Castro de Cerqueda pode converterse no buque insignia do turismo de Malpica de Bergantiños. No aniversario do Instituto de Estudos Bergantiñáns, a arqueóloga de Montesclaros, Puri Soto, comunicou que A Cida de Borneiro era o segundo castro máis visitado de Galicia. Aproveitemos ese desexo irrefreable polo coñecemento das fortificacións da Idade do Ferro.
Posúe unha localización xeográfica envexable: a carón do segundo punto nodal máis importante de comunicacións en Bergantiños. Encrucillada que conduce a viaxeiros pola costa setentrional da Costa da Morte. E velaí este gran castro a medio camiño da vila oleira de Buño e a mariñeira de Malpica de Bergantiños. Poboacións que gañarían moito, de seguro, con este recurso arqueolóxico palpitando emocións ao longo de todo o ano.
Os resultados que nos desvele a técnica do xeorrádar, aplicada o pasado maio polo arqueólogo Antón Malde á totalidade da parte superior da Croa do Castro, van marcar unha certeira folla de ruta á hora de implementar accións arqueolóxicas no futuro.
Calquera achado que poida aparecer en sondaxes ou escavacións neste espazo patrimonial incrementará os sinais de identidade de Malpica de Bergantiños e da bisbarra. E a maiores, as pegadas cerámicas poden abrir novas vías creativas para a olería de Buño no seu devezo por enraizar aínda máis unha tradición milenaria.
A Croa do Castro necesita tamén recuperar aquel seu ideario inicial tinguido de solidariedade, colaboración e amor polo territorio. Un proxecto con alma no que os traballos realizados foron consensuados por todos aqueles que sementaron ideas enriba dunha mesa e despois se puxeron mans á obra sen ningún reparo. Un modelo de traballo en comunidade que acabou sendo exportado a congresos internacionais de arqueoloxía.
Cando se cumpren dez anos do nacemento do Proxecto A Croa do Castro de Cerqueda e á vista dos resultados ofrecidos polas técnicas do gradiómetro e do xeorrádar, non se poden demorar máis as accións que vistan con roupa de festa este galano patrimonial de noso.
Cómpre colocar sen demora unha sinalización homologada na rede de estradas que conducen a ela. Recuperar a súa web cos contidos iniciais deste proxecto e irlle engadindo aqueles que vaian xurdindo. Actualizar as súas redes sociais. Adecentar e limpar os accesos que se foron deteriorando co tempo. Preparar a parcela reservada para aparcadoiro. Escavar e consolidar os restos antrópicos localizados. Musealizar no CAT da Camposa os achados das escavacións. Panelizar con información arqueolóxica no propio xacemento. Deseñar unha ruta que conecte o mundo da olería de Buño coa Croa, co espazo xeolóxico, etnográfico e paisaxístico de Muíños e coa necrópole megalítica de Pedra da Arca. E mil cousas máis. En definitiva, crear un proxecto que saiba cara a onde ir planificando as accións no tempo.
Agardamos como auga de maio unha nova primavera para a Croa do Castro de Cerqueda. Certeiro sinal de camiños de futuro.