Malpica segue facendo oco para o erótico na literatura galega 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

«Presentada a 19.ª edición do certame Illas Sisargas, promovido dende a asociación cultural Caldeirón

12 jul 2024 . Actualizado a las 15:48 h.

Malpica ten dende hai case dous decenios un certame de poesía erótica que é referencia en Galicia e que amosa e reivindica o peso desta creación no conxunto da literatura galega. Promóveo. Xustamente este venres se deu a coñecer a 19.ª edición, un concurso impulsado pola asociación cultural Caldeirón e que, dende o comezo, tivo o apoio do Concello malpicán. Eduardo Parga, alcalde, recoñeceu na posta de longo desta nova convocatoria que ao comezo era algo «escéptico», mais a realidade acabou por mudarlle a opinión, cun certame que ano tras ano medra, superada xa a maioría de idade.

Dende a entidade, en representación da que tamén acudiu Paco de Tano, deu Emma Abella algunha clave das bases deste ano, que se ben son similares a anteriores anos, destacan polo feito dun premio único de 1.500 euros que ademais inclúe a publicación da obra na colección da asociación, cunha tirada de 400 exemplares. Poden participar no Illas Sisargas autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro de poesía inédito de temática erótica, nunca premiado, e ademais escrito en lingua galega. O prazo estará aberto ata o 15 de setembro, e os textos, en formato PDF, han de enviarse a premio@caldeiron.org. As bases ao detalle están publicadas na web municipal.

Con ese galardón de 1.500 euros agardan dende a organización unha boa participación, alomenos na liña dos últimos anos. Quedan uns dous meses por diante para escribir, se ben, como apuntou Abella, sabe de creadores que xa perfilan obras: «Agardamos que estean á altura da categoría dos anos anteriores», apuntou.  Nunha presentación na que tamén estivo presente a edila Noelia Freijeiro, houbo agradecementos á colaboración de ambas partes, o que posibilita esta «aventura de creatividade», que foi como se referiu ao concurso o alcalde. «Animo a todos aqueles que queiran participar e agradecemos que sigades contando con nós», afirmou o rexedor. Lembrou ademais un dos impulsores iniciais, Paco Souto, falecido.