Un «Marcho que teño que marchar», na Mostra de Teatro de Malpica

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

FIOT

É a quenda da contadora Bea Campos hoxe: 20.30 horas, no centro cívico, con entrada gratuíta 

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.30 horas • Centro cívico • «Na miña casa está moi mal visto andar falando do que sucede na familia. Pero que facer se diante de ti acontecen cousas incribles? Se che contan historias e lendas misteriosas das que non se pode falar en alto… Pois segundo o meu punto de vista tiña dúas opcións, calar para sempre ou artellar un divertido e teatral espectáculo de narración oral. Iso si, tédesme que gardar o segredo, xa que todo o contado sucedeu de verdade!». Haberá que gardarlle logo o segredo a Bea Campos, pois iso é o que conta na presentación do espectáculo de narración oral que hoxe se poderá ver dentro da 20.ª edición da Mostra de Teatro do Concello de Malpica, xestada co apoio da Deputación e a súa Rede Cultural.

O que trae Inventi Teatro á vila é unha función de 50 minutos, un monólogo, unha comedia que vén a ser, segundo a distribuidora Urdime, «unha divertida sesión de contos e tamén un espazo para a reflexión sobre os roles e a desigualdade de xénero». Din tamén, sobre o que os espectadores poderán ver, que nun escenario convertido en casa familiar, Bea Campos vai relatando segredos sobre a súa familia mentres cociña, bebe e traballa, entre cancións, coplas e aturuxos, un «cesto trenzado con historias protagonizados por mulleres que eran feministas sen sabelo». Todo iso é Marcho que teño que marchar, espectáculo que mesmo estivo programado no Festival Cabaret da Cidade de México o pasado ano. O acceso ao centro cívico malpicá —20.30 horas— será libre e gratuíto.