Lembrando ao amigo Adolfo Álvarez Torrado

gabriel varela pose

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Adolfo Álvarez Torrado, con Andrés Rodríguez. Ambos, de Brantuas, como mariñeiros no porto de Malpica, xusto no ano no que afogou
Adolfo Álvarez Torrado, con Andrés Rodríguez. Ambos, de Brantuas, como mariñeiros no porto de Malpica, xusto no ano no que afogou ARQUIVO GABRIEL VARELA

«Cada ano, ao achegarse a data que corresponde, aquilo que te marcou volve como un espertador biolóxico»

02 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos temos algunhas datas que a nosa memoria vai gardando ao longo do tempo. Aínda que nos empeñemos esquecer algunhas delas, por seren recordos dun tempo, dunha acción ou episodio que non foi precisamente agradable, a nosa memoria resístese a borralas. Volven unha e outra vez como se estivesen pelexando contra ti ou contra esa parte da mente que desexas limpar.

Cada ano, ao achegarse a data que corresponde, aquilo que te marcou volve como un espertador biolóxico e, sen dar tregua nin opción, sexa bo ou malo, agroma coma flor en roseira. É unha maneira que o noso intelecto ten para facernos escravos del e por extensión de nós mesmos.

Unha desas datas que a miña memoria retén é a do 15 de agosto de 1963, cando nos deron a mala nova, a min e ao amigo Luís Ameijenda Castro (Luís de Varela), da caída ao mar e a desaparición do noso amigo Adolfo Álvarez Torrado (Adolfo de Anselmo ou de Torrado, da Rúa Nova, que nacera o 23 de novembro de 1947).

Adolfo Álvarez Torrado, nunha fotografía escolar do ano 1954
Adolfo Álvarez Torrado, nunha fotografía escolar do ano 1954 ARQUIVO GABRIEL VARELA

Era tripulante da lancha do barco tarrafeiro Xa Me Vedes de Malpica de Bergantiños. Unha data que non se me esquece nunca. Cada ano cando veñen as primeiras sardiñas é unha constante no meu recordo. Tamén debo dicir que neste caso loitamos eu e a miña memoria no mesmo bando.

Adolfo, Luís e eu saímos o día 14 de agosto de Brantuas en bicicleta. Así o faciamos todos os días dende mediados de abril, mes que daba comezo a tempada da tarrafa en Malpica. Concretamente Luís e eu comezamos o día 14 de abril como tripulantes da Gravina, lancha da tarrafa Nueva Armonía.

Dende ese día non deixamos de ir xuntos nin de regresar á casa cada mañá.

Ata ese día que, parados diante da porta do local onde Adolfo deixaba a bicicleta (cada tarrafa tiña un sitio onde os seus mariñeiros deixaban o medio de transporte, podía ser a bicicleta ou o burro), o amigo non chegou e alguén dos que si chegaron díxonos o que pasara.

Non iamos ver máis o noso amigo. Non veriamos máis o seu sorriso pícaro que tanto nos aledaba. Non competiriamos máis na subida de Breas ou na de Ponte Berrón, a cal era capaz de subila e chegar primeiro enriba sen baixar da bicicleta.

Rapaz forte do que só teño recordos agradables. Compañeiro de pupitre na Escola Vella, inmenso debuxando onde non tiña rival, con trazos tan perfectos que parecían calcados. Posuidor ademais dunha caligrafía como non vin outra.

Sempre me fago a mesma pregunta cando lembro este amiguiño da infancia. A onde chegaría se puidera ir a unha escola de Belas Artes. Só é unha pregunta sen resposta. Pero tamén considero que sería inxusto non facela. Amosou sobradas aptitudes para chegar a esas clases. Seguramente aínda estaría entre nós e non estariamos falando da falta deste, senón dunha figura nalgunha das diferentes materias de Belas Artes.

Non foi así. Adolfo só foi un neno escravizado coma tantos outros. Desde moi pequeno poucas tardes tivo de escola. As tardes del, antes de comezar na tarrafa, eran para petar co martelo na forxa que tiña seu pai ou para ir en busca de carolas de piñeiro para facer carbón.

Ou levar pacer as vacas a onde xa quedabamos para onde ir. Mentres pastaban, pasabamos o tempo xogando ao fútbol, dándolle patadas a unhas carolas abertas do sol. Si, ese era o balón que tiñamos para xogarmos no Monte de Abaixo Adolfo, Luís e eu.

Son lembranzas bonitas. Pasabámolo tan ben que ata as carolas tiñan un nome. Recordo parte deses nomes, que eran de persoas coñecidas. O noso era un fútbol distinto.Xogabamos con dúas ou tres carolas xuntas e as persoas petábanse no campo unhas contra as outras. Malláronse veciños uns contra os outros que non tiña xeito. Hai que atribuír a invención deste xogo ao amigo Adolfo, xurdido a raíz duns feitos de mocidade aquí no lugar e de mozos da nosa contorna.

Esta é unha lembranza a un amigo a quen botei de menos durante anos e aínda o sigo facendo de cando en vez. Aqueles que te marcaron algo non hai goma que os borre da túa memoria.

Na túa lembranza, amigo Adolfo.